O TSXG propón a creación de xulgados novos en Vilagarcía e Pontevedra e outro maxistrado para a Audiencia

Pontevedra
27 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A creación destas novas salas figuran entre os nove novos órganos xudiciais que o pleno da Sala de Goberno do TSXG propón ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). A proposta está baseada, principalmente, nas estatísticas de entrada de asuntos destes órganos xudiciais

Xulgados de Vilagarcía de Arousa
Xulgados de Vilagarcía de Arousa / Mónica Patxot

Un novo xulgado de Primeira Instancia en Pontevedra e un novo de Primeira Instancia e Instrución en Vilagarcía de Arousa. Son os órganos xudiciais que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que son necesarios para mellorar o funcionamento da Xustiza nos partidos pontevedrés e arousano. 

A creación destas novas salas figuran entre os nove novos órganos xudiciais que o pleno da Sala de Goberno do TSXG propón ao Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX).

Ademais destes xulgados de nova creación, tamén propón a creación de tres prazas en órganos colexiados, entre as que figura a dotación dun maxistrado para a sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, con competencia en materia penal.

A proposta da Sala de Goberno do TSXG está baseada, principalmente, nas estatísticas de entrada de asuntos destes órganos xudiciais. En moitos deles supéranse amplamente os módulos de entrada establecidos polo Consello Xeral do Poder Xudicial e, noutros, sófrense carencias estruturais no persoal xudicial.

O TSXG tamén considera preciso un Xulgado de Violencia sobre a Muller en Santiago, un Xulgado de Primeira Instancia en Ourense, un maxistrado para a sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña, un Xulgado de Primeira Instancia en Vigo, un Xulgado do Contencioso Administrativo en Santiago, un maxistrado para a Sala do Social do TSXG e novos xulgados de Primeira Instancia e Instrución en Viveiro, Ribeira e Carballo.

Esta relación será estudada na próxima reunión da Comisión Mixta (formada polo Tribunal Superior de Xustiza e a Xunta) para tratar de acordar unha proposta conxunta, a cal se elevará ao Goberno central, tendo en conta as unidades que o Ministerio de Xustiza estea disposto a crear para esta anualidade na comunidade galega.