O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou este venres á Xunta de Galicia a que manteña a prórroga ata o 9 de abril de esixir a presentación da certificado covid-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa no caso das persoas que realicen visitas a pacientes ingresados nos centros hospitalarios e sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional de Galicia.
No auto da sección terceira da Sala do contencioso-administrativo indícase que esta medida permite o "mantemento destas actividades en situacións nas que se aprecia un incremento de risco de contaxio, polas características de especial vulnerabilidade que concorren". Recoñece que aínda que o pasaporte covid-19 non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios, non invalida en calquera caso "a idoneidade dunha medida que permite reducir o risco.
O obxectivo do certificado, segundo os maxistrados, é diminuír a posibilidade de que unha persoa infectada contacte con non infectados e non protexidos e que lles poida transmitir a infección. Na resolución indica que a medida esta acompañada de "un esforzo da administración sanitaria no campo da vacinación, no da expedición de certificados e no aumento de probas para a detección do virus", lembrando que todas aquelas persoas que quixesen vacinarse puideron facelo.
Argumentan tamén que o informe médico presentado pola Xunta de Galicia xustifica esa obriga de presentar o certificado en determinados espazos. Indican tamén que a medida se manterá o tempo imprescindible para mellorar a situación epidemiolóxica de Galicia, "que se revisa diariamente e sométese semanalmente á consideración do comité clínico, segundo as evidencias científicas que poden xurdir", explican os maxistrados.