O TSXG decreta a suspensión cautelar do parque eólico Dos Cotos

Cerdedo-Cotobade
14 de maio 2024

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou ata hoxe 74 autos nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de 43 parques eólicos

Protesta contra o parque eólico dos Cotos en Carballedo
Protesta contra o parque eólico dos Cotos en Carballedo / Cristina Saiz

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar do parque eólico Dos Cotos xunto a outro cinco máis autorizados pola Xunta ao entender acreditada a existencia do periculum in mora, que forma parte da esencia da medida cautelar, xa que con el se tenta asegurar que a futura sentenza se poida levar á práctica de modo útil, o que non se conseguiría no caso de que se produciran situacións irreversibles. En concreto, decretou a paralización cautelar dos parques Monte do Cordal, Dos Cotos, Treboada, Mesada, Legre e Xeada.

En canto á suspensión cautelar do parque eólico Dos Cotos, o TSXG basea o recoñecemento do periculum in mora no contido dos informes achegados polo concello, dos que se infire que as instalacións se situarían “tanto a escasa distancia de elementos que contribúen á calidade paisaxística da zona como a unha escasísima distancia de núcleos de poboación”, pois na contorna dos aeroxeradores residen 424 persoas en 13 entidades de poboación diferentes.

Neste caso trátase, segundo os maxistrados, non só da protección do medio natural, senón “da protección da saúde e o benestar do ser humano que habita na zona”.

A medida cautelar adoptada foi solicitada polo concello e por comunidades de montes veciñais en man común.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou ata hoxe 74 autos nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de 43 parques eólicos, dos cales 40 foron acolledores -Ventumelo, Porto Vidros, Banzas, Monte Neme, Zamorra, Touriñán II, Felga, Rodeira, O Cerqueiral, Chao do Marco, Monte Peón, As Encrobas, Pico Seco, Serra do Faro Ampliación II, As Penizas, Figueiras, Reboiro, Alto da Telleira, Troitomil, Outeiro Grande, Rodicio II, Alto de Montouto, Meirama, Monte da Croa, Gato, Cunca, Serra do Farelo, Maxal, Serra do Colmo, Uxo, Castro Valente, Marcofan, Serra do Punago, Acibal, Monte do Cordal, Dos Cotos, Treboada, Mesada, Legre e Xeada; e, o resto (3), desacolledores -Vilartoxo, Neboada e Seselle-.

Arquivado en