O TSXG confirma que a Deputación deberá aboar 350.000 euros a Soutomaior

Soutomaior
15 de xullo 2024
Actualizado: 20:21

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de dar á razón ao Concello de Soutomaior no xuízo polas axudas Reacciona Pontevedra (REACPON) do ano 2021

Casa do Concello de Soutomaior
Casa do Concello de Soutomaior

A Deputación de Pontevedra deberá aboar ao Concello de Soutomaior 350.000 euros correspondentes aos fondos REACPON do ano 2021, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desbotase o recurso que o goberno provincial presentou o 28 de febreiro deste ano para evitar ter que pagar esa cantidade a Soutomaior.

Os fondos REACPON foron un programa lanzado polo anterior goberno da Deputación de Pontevedra co obxectivo de dotar aos concellos con subvencións para levar a cabo diversas obras e actuacións. Dos 55 concellos que se presentaron en 2021 aos fondos REACPON, o anterior goberno da Deputación de Pontevedra denegou a solicitude de oito concellos de todas as cores políticas, entre eles o de Soutomaior. O actual goberno provincial decidiu manter o mesmo criterio para non ter que aboar os 350.000 euros ao Concello de Soutomaior.

Neste sentido, e despois de que un tribunal de Pontevedra sentenciase o 5 de febreiro deste ano que a institución provincial tiña que devolver eses fondos a Soutomaior, o goberno provincial presentou a finais de febreiro un recurso ante o TSXG. Os servizos xurídicos do Concello de Soutomaior elaboraron entón un escrito contrario ao recurso da institución provincial.

O pasado 28 de xuño, os maxistrados do TSXG deron a razón aos servizos xurídicos municipais e desbotaron o recurso da Deputación de Pontevedra.

O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que "agardamos que a Deputación de Pontevedra cese na xudicialización deste proceso e permita que Soutomaior poida contar canto antes con estes 350.000 euros".

REACCIÓN DO PARTIDO POPULAR

O grupo municipal do Partido Popular considera que "a xustiza deu a razón ao PP de Soutomaior", que no ano 2021 solicitou unha subvención de case 350.000 euros para a humanización da Praza de Cimadevila-Rúa Rosalía de Castro dentro do programa REACPON.

Naquel momento o proxecto foi valorado con 43,25 puntos, por baixo dos 50 puntos necesarios para a concesión da subvención. O Partido Popular, entón no goberno municipal de Soutomaior, defendeu sempre o proxecto presentado e decidiu levalo á xustiza, entendendo que a puntuación outorgada non respondía a criterios técnicos, "senón a unha decisión sectaria da Deputación do bipartito BNG-PSOE".

Agora os tribunais confirman que o proxecto presentado polos populares debería ser valorado con, como mínimo, 61,25 puntos, moi por encima dos 50 necesarios. 

Ademais o PP destaca que este resultado "aínda podería ser máis escandaloso", xa que o xuíz obriga á Deputación a volver valorar un dos apartados nos que a administración provincial apenas outorgou 1,25 puntos e que o Concello de Soutomaior estimaba en 26,5. 

A portavoz do PP de Soutomaior, Noelia Ocampo, móstrase "moi satisfeita" cunha decisión xudicial que "todos esperabamos" e lamenta que o actual alcalde, Manuel Lourenzo, "lonxe de pedir desculpas polas duras críticas que verteu no seu momento cara ao goberno, apresurouse a saír colgarse a medalla nas redes sociais, coma se o recurso presentouno o seu partido, cando agora sabemos que o bipartito do BNG-PSOE manipulou o resultado do concurso para prexudicar ao Concello de Soutomaior".

Noelia Ocampo asegura que tras coñecer esta mañá que o PP presentaría unha moción no próximo pleno para destinar a subvención recuperada ás estradas previstas inicialmente, foi "cando o goberno de Manu Lourenzo decidiu falar".