O TSXG confirma a condena de seis anos de cárcere a un acusado de violar unha moza mentres durmía

O Salnés
02 de agosto 2024

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condenou a seis anos de cárcere a un acusado de cometer un delito de abuso sexual con penetración mentres a vítima durmía

Acusado de abuso sexual no banco da Audiencia Provincial
Acusado de abuso sexual no banco da Audiencia Provincial / PontevedraViva

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a sentenza da sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra na que condenou a seis anos de cárcere a un acusado de cometer un delito de abuso sexual con penetración mentres a vítima durmía. 

Ademais, o tribunal de primeira instancia impúxolle a prohibición de aproximarse a menos de 500 metros da prexudicada e de comunicase con ela durante oito anos, así como o pagamento dunha indemnización de 15.221 euros polas lesións psíquicas e físicas sufridas.

O acusado, segundo os feitos probados recollidos na sentenza, acudiu de madrugada, acompañado por outra persoa, a casa dunha amiga da vítima, que tamén estaba na vivenda. 

Despois de varias horas nas que bailaron e falaron, a moza decidiu irse a durmir a unha das habitacións, onde, pouco despois, acudiu o procesado, quen se deitou na mesma cama que ela, sen que a vítima fose consciente porque estaba durmida. 

O condenado aproveitou esa circunstancia, segundo o fallo, para abusar sexualmente dela. 

Os maxistrados consideran acreditados os feitos, apoiándose, principalmente, no testemuño da vítima, o cal foi corroborando por elementos periféricos, entre eles as declaracións das outras dúas persoas que se atopaban no inmoble e os informes dos médicos forenses.

"Incluso atopándose nun estado de inconsciencia polo soño, ante a percepción do contacto e ignorando que pasaba realmente, quitou de si as mans do procesado", salienta o TSXG no referente ao consentimento. 

Ademais, afirma que non alberga ningunha dúbida sobre a autoría dos feitos nin sobre as circunstancias en que se desenvolveron.

A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.