O TSXG condena á Xunta a realizar obras de conservación no Pazo de Lourizán

Pontevedra
09 de febreiro 2022

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a cumprir coa súa obriga de efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do conxunto da finca de Lourizán

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Juan Mejuto

A sección segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condena á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a cumprir coa súa obriga de efectuar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre do conxunto da finca de Lourizán, nos termos establecidos nos convenios de cooperación subscritos entre a Xunta e a Deputación Provincial de Pontevedra nos anos 1991 e 2000.

Os maxistrados salientan que "non se evidencia a imposibilidade de execución das obras" por parte da Xunta, á vez que destacan que "o que de verdade importa" é que non se executaron os traballos. 

Ademais, indican que non é o obxecto do litixio determinar "a forma na que se deba levar a cabo o seu financiamento, nin tampouco a concreción do importe ao que poida ascender o custo das obras".

Dende o Goberno Provincial consideran que despois desta condena "non hai debate" e a Xunta de Galicia está obrigada a realizar as obras de rehabilitación do Pazo de Lourizán. 

A Deputación de Pontevedra presentou este recurso contencioso-administrativo o 30 de xullo de 2019 para que o goberno galego atendera as súas responsabilidades, dando así cumprimento ao acordo do pleno provincial que ordenou o inicio inmediato de accións legais dada a inacción da Xunta cos compromisos adquiridos. De feito, incluso ao requirimento que presentou a Deputación, previo á interposición do recurso, a administración autonómica nin contestou e seguiu sen realizar as obras.

A sentenza do TSXG, que tamén impón á administración autonómica as costas procesuais, deixa claro o incumprimento da Xunta de Galicia dos convenios asinados, de carácter vinculante para ámbalas dúas institucións, e sinala de forma rotunda que "ningunha dúbida hai sobre a obrigación da Administración autonómica de efectuar as obras de conservación do Pazo de Lourizán, atendido o seu carácter bilateral, fonte de obrigacións para ambas as partes, e dados os seus obxectivos orientados ao interese público".

A sentenza tamén pon especial relevancia no feito de que sexa un ben catalogado e que existe o recoñecemento do deterioro que se ven producindo no Pazo.

RESPOSTA DA XUNTA

O Goberno galego lembrou este mércores que "mesmo antes de coñecer o contido e alcance deste fallo" xa iniciara as obras de mellora das condicións de conservación do Pazo de Lourizán. Estas obras realízanse ao abeiro do convenio de cesión do predio e as súas instalacións á Xunta.

Trátase de actuacións para a reposición da cuberta de lousa e retellado puntual, a limpeza de canlóns e baixantes, a substitución de canlóns e gárgolas de chumbo por zinc, a limpeza e impermeabilización de terrazas, a substitución de lucernario, a impermeabilización de carpintería, na instalación eléctrica e a limpeza das terrazas pequenas. O orzamento destas actuacións é de 208.254,71 euros. Está previsto rematar as obras no segundo trimestre do ano.

"Desta forma, a Xunta demostra a súa boa fe e o seu compromiso coa preservación deste espazo, cuxo titular é a Deputación de Pontevedra", asegura o Goberno galego nun comunicado.

A Deputación de Pontevedra xa respondeu que considera "totalmente insuficientes" estas obras.