O TSXG avala que a Xunta limite as reunións sociais e prohiba os encontros nocturnos de non conviventes

Pontevedra
30 de xullo 2021

O tribunal conclúe que as medidas propostas "responden a unha situación clara de incremento no virus" e que as limitacións "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión", do que destacan que é "máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, máis proclives ao contacto social"

Vacina fronte á covid-19
Vacina fronte á covid-19 /

A Xustiza avala a decisión da Xunta de Galicia de que as reunións de persoas non conviventes estean limitadas a un máximo de seis persoas en interior e dez en exterior e sexan dun máximo de dous grupos de convivencia, e tamén a prohibición das reunións de non conviventes durante a madrugada. 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) emitiu un auto polo que autoriza á Xunta a manter a limitación, en toda a comunidade autónoma, do número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados e a prohibir esas reunións nocturnas. Entre a unha e as seis da madrugada non pode haber reunións nos  concellos en niveis máximo e alto e no resto de Galicia a limitación é entre as tres -hora do peche do lecer nocturno- e as seis da madrugada.

Estas prohibicións afecta a domicilios e á rúa e o TSXG, tras examinar o informe que lle remitiu a Consellería de Sanidade, conclúe que as medidas propostas "responden a unha situación clara de incremento no virus"

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG conclúe que as limitacións "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión", do que destacan que é "máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, máis proclives ao contacto social".

Ademais, conclúen que as medidas "cumpren as esixencias de ser necesarias e proporcionadas" á vista do informe técnico e os gráficos cos datos de contaxios de cada municipio presentados pola administración autonómica. As cifras "amparan as limitacións propostas", xa que revelan "un preocupante incremento na transmisión da infección".

Segundo ese informe, entre o 13 e o 19 de xullo se realizaron 80.831 probas diagnósticas -49.625 PCR e 31.206 de antíxenos-, cunha porcentaxe de positividade a sete días do 10,78 %, o que supón un aumento do 42 % respecto a os test realizados entre o 6 e o 16 de xullo.

O documento tamén reflicte que a incidencia acumulada a sete e 14 días foi de 334 e 602 casos por cada 100.000 habitantes, respectivamente, valores que son un 25 % e un 55 % superiores aos de hai unha semana. 

Contra este auto cabe presentar recurso de casación ante do Tribunal Supremo.