Ser unha vivenda unifamiliar, estar situada en planta baixa ou en primeiro piso (como calquera outra actividade económica) ou destinar todo un edificio ao completo. Son os tres únicos supostos nos que Pontevedra permite habilitar un domicilio particular como vivenda turística.
Esa foi a decisión que adoptou o goberno municipal, en base ao plan de urbanismo en vigor, para evitar posibles problemas de convivencia e garantir, por unha banda, o dereito ao descanso dos cidadáns e, por outro, autorizar a cesión temporal dunha vivenda privada a turistas.
Ese criterio, denunciado pola propietaria dunha destas vivendas turísticas que foi denunciada en 2019 por alugar a turistas un piso na rúa Sagasta, foi avalado agora polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O Concello, por mor das denuncias presentadas pola comunidade de veciños, ordenou cesar a actividade deste piso, situado nunha cuarta planta, como vivenda turística, advertindo á súa dona de que o seu incumprimento podería derivar no precinto do domicilio.
A muller decidiu recorrer ante a xustiza pero, primeiro o Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Pontevedra e agora o TSXG, rexeitou as súas pretensións e confirma que a actuación municipal foi conforme á legalidade.
A sentenza establece que o uso das vivendas turísticas "non se pode identificar co residencial", o que conforme á normativa en vigor en Pontevedra limita este tipo de vivendas aos baixos e as primeiras plantas en edificios onde resida máis xente.
Engade que "sen prexuízo" da autorización que debe emitir a Xunta para poder explotar este tipo de vivendas, os seus propietarios deben obter tamén un título habilitante do Concello e cumprir cos requisitos que se decidiron fixar no seu día.
Para a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, esta sentenza é "moi satisfactoria" porque demostra que Pontevedra "resolveu con éxito" un problema "futurible" que, aínda que por agora non causou moita polémica, "poderíamos ter na nosa cidade".