O TSXG autoriza prorrogar ata o 4 de setembro as restricións nas reunións sociais en Galicia

Pontevedra
20 de agosto 2021

A Sala de Vacacións do TSXG deu o visto e prace ás medidas porque responden "a unha situación clara de incremento do virus" e porque "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión", do que sosteñen que é "máis necesitado de control no horario nocturno", frecuentado en maior medida pola mocidade, máis proclives ao contacto social

Axentes da Policía Local de Vilagarcía de Arousa
Axentes da Policía Local de Vilagarcía de Arousa / Cristina Saiz

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou que ata o 4 de setembro estean en vigor as medidas restritivas aprobadas pola Xunta de Galicia para limitar as reunións de persoas e, desta maneira, reducir a interacción social e conter a expansión da pandemia da covid-19.

Nos concellos con nivel de restrición máximo e alto, entre a unha e as seis da madrugada, as reunións sociais quedan limitadas a grupos de persoas conviventes tanto en espazos pechados como en espazos abertos ou ao aire libre. No resto de Galicia, a limitación é por un tempo inferior, entre as tres e as seis da madrugada. 

Esta limitación afecta á permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público ou privado coa finalidade de reducir a interacción social e redución do lecer nocturno non regulado.

Durante o resto do día, permítese a reunión de ata seis persoas en espazos pechados e de dez en espazos abertos ou ao aire libre, sexan de uso público ou privado, agás que se trate de conviventes, ou agás que os encontros se produzan exclusivamente entre persoas de dúas unidades de convivencia diferentes.

A Sala de Vacacións do TSXG deu o visto e prace ás medidas porque responden "a unha situación clara de incremento do virus" e porque "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión", do que sosteñen que é "máis necesitado de control no horario nocturno", frecuentado en maior medida pola mocidade, máis proclives ao contacto social.

Os maxistrados consideran que se cumpren as esixencias de ser medidas "idóneas, necesarias e proporcionadas".