O TSXG autoriza esixir o pasaporte covid para acceder a residencias, ximnasios e eventos multitudinarios

Pontevedra
16 de decembro 2021

O alto tribunal tamén permite á Xunta prorrogar a medida, xa vixente, para entrar en establecementos de hostalería, de lecer nocturno, hospitais e albergues turísticos. O tribunal entende que a orde, que terá vixencia ata o 18 de xaneiro, é idónea para protexer a saúde pública e manter a capacidade máxima e o normal desenvolvemento das actividades

Unha persoa mostrando o certificado de vacinación covid-19
Unha persoa mostrando o certificado de vacinación covid-19 / Municipio San Isidro

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a esixir en toda a comunidade autónoma a presentación do certificado covid-19 de vacinación para acceder aos centros sociosanitarios residenciais de maiores e de persoas con diversidade funcional, a instalacións pechadas nas que se practique actividade física e deportiva non federada, a piscinas cubertas e a eventos multitudinarios ou a aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos ou bebidas para o consumo no seu interior.

A medida estará vixente desde as 00.00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) e ata as 00.00 horas do 18 de xaneiro de 2022.

Ademais, o alto tribunal autorizou o goberno galego a prorrogar, ata esa data, a condición de exhibir o certificado de vacinación para entrar en albergues turísticos, locais de lecer nocturno e establecementos de hostalería e de xogo que conten con servizos de restauración así como ás visitas e acompañantes de pacientes de centros hospitalarios, e a estende aos hospitais de día para tratamentos oncolóxicos e de diálises e aos hoteis de pacientes.

Os maxistrados destacan no auto que as persoas non vacinadas teñen a alternativa de presentar un certificado de proba diagnóstica negativa e inciden na necesidade de establecer a medida nos espazos indicados para que poidan manter a súa capacidade máxima e o normal desenvolvemento das súas actividades. 

Ademais, subliñan que o feito de que o pasaporte covid-19 "non elimine completamente a posibilidade de novos contaxios", si reduce o risco de transmisión do virus, polo que entenden que a medida é idónea e proporcionada.

A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo tamén indica na resolución que a medida se implementa "en resposta a indicios racionais que poñen de manifesto a existencia dun perigo para a saúde da poboación que se pode ver agravado se non se adopta". 

Ademais, o TSXG autorizou que a validación e control dos certificados se realice coa lectura do código QR mediante a aplicación PassCovid de Galicia, creada pola Consellería de Sanidade.