O TSXG autoriza á Xunta a limitar o dereito de reunión para "defender a saúde pública"

Pontevedra
06 de agosto 2021

O tribunal entende que as medidas "cumpren as esixencias de seren idóneas, necesarias e proporcionadas". Os maxistrados advirten de que os datos revelan "a evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria"

Terraza dos establecemento hostaleiro
Terraza dos establecemento hostaleiro / Cristina Saiz

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou as medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde do 4 de agosto de 2021 para facer fronte á evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 en Galicia.

En concreto, autorizou limitar as reunións en interiores ata un máximo de seis persoas, e en exteriores a dez, nos espazos tanto públicos como privados dos 313 municipios galegos, así como a prohibición de encontros con persoas non conviventes entre as tres e as seis da madrugada para a maioría de concellos, e entre a unha e as seis para aqueles que se atopan nunha peor situación epidemiolóxica.

A Sala considera que as medidas propostas pola Xunta "cumpren as esixencias de seren idóneas, necesarias e proporcionadas", pois "responden a unha situación clara de incremento do virus e non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida pola xente moza, máis proclive ao contacto social".

Os maxistrados aseguran no auto que o relevante é "examinar os informes técnicos que amparan as limitacións propostas sobre a base da evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria na comunidade autónoma de Galicia, detectada no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 4 de agosto, o cal revela un preocupante incremento na transmisión da infección".

"A exposición de motivos da orde que se somete a autorización pon de manifesto a evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria na comunidade autónoma de Galicia, o que se ampara nuns informes técnicos, de modo que ben se comprende que se está en presenza dunhas medidas que teñen como propósito defender a saúde pública malograda pola pandemia causada polo Covid-19", subliña o TSXG no auto, contra o cal cabe presentar recurso.

CERTIFICADO COVID

Por outra banda, o TSXG denega a suspensión cautelarísima da obriga de presentar o certificado COVID-19 en locais.

Non aprecia as razóns de especial urxencia pretendidas por unha asociación de empresarios de Lugo para que se acorde a suspensión sen escoitar antes as razóns da Xunta