O Tribunal Supremo desestima dous recursos do Concello de Pontevedra contra Ence

Pontevedra
04 de xullo 2016

O Tribunal Supremo deulle a razón a Ence fronte ao Concello de Pontevedra tanto no relativo ao Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal como á Autorización Ambiental Integrada pola que opera a empresa. A empresa Ence foi quen comunicou estes dous faios xudiciais

Vista da fábrica de Ence
Vista da fábrica de Ence / Mónica Patxot

O Tribunal Supremo deulle a razón a Ence fronte ao Concello de Pontevedra tanto no relativo ao Plan Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS) como á Autorización Ambiental Integrada (AAI) pola que opera a empresa. A empresa Ence foi quen comunicou estes dous faios xudiciais.

De acordo ao alto tribunal, o PSIS continúa tendo plena eficacia salvo na parte relativa ao antigo e desbotado proxecto de construír unha fábrica de papel tisú.

Noutra sentenza, o Supremo desestima o recurso de casación do Concello sobre unha sentenza anterior que declaraba a validez da renovación en 2011 da AAI pola que opera Ence Pontevedra. 

Ningún dos dous fallos pode ser recorrido.

O Supremo comunicoulles o pasado xoves ás partes implicadas ambos fallos desestimatorios. 

No caso do recurso de casación que o Concello presentara sobre a vixencia do PSIS, a sentenza é especialmente contundente: afirma que existe "obstinación" no intento do Concello por "atribuír á sentenza -contra a que se presentaba recurso- un significado e alcance que non ten".

Todo iso porque a institución local quería que se interpretase que esa sentenza declaraba a invalidez do PSIS, o cal non era certo. A sentenza recorrida era clara: determinaba que o PSIS estaba en vigor salvo no relativo ao antigo proxecto de construír unha fábrica de papel tisú.