O Tribunal Supremo acaba de remitir á Audiencia Nacional o requirimento para que se execute a sentenza de xullo pasado que ordena ao Ministerio de Medio Ambiente abrir un expediente de caducidade da concesión de Ence na ría de Pontevedra.
Salvemos Pontevedra informou desta nova comunicación do Alto Tribunal. Segundo valorou Francisco Díaz, presidente desta asociación Salvemos Pontevedra sostén que "agora non hai escusa para non incoar o expediente de caducidade", ao tempo que anuncia que "tan pronto como se nos notifique o prazo para proceder á solicitude", o colectivo pedirá a execución forzosa.
"Por segunda vez no prazo de dous meses, o Tribunal Supremo dános a razón e ordena que se proceda á execución da sentenza no prazo de dez días", valora Francisco Díaz.
"ÿ unha vergoña que a Administración Xeral do Estado teña que ser obrigada polos particulares ao cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo", engade.
Por outro lado, a nova Lei de Costas non ten efecto sobre este asunto ao estar incurso en expediente de caducidade, "polas graves infraccións cometidas nas marismas de Lourizán", tal e como recolle a sentenza que estima o recurso.
Finalmente, Francisco Díaz recorda que "forzado por Salvemos Pontevedra", con data 28 de decembro de 2006, o director xeral de Costas, resolveu denegar a solicitude de Ence de "declaración de innecesariedad para a protección ou a utilización do dominio público marítimo-terrestre dos terreos comprendidos nas concesións da zona marítimo-terrestre outorgadas a esa empresa en Pontevedra, paraxe de Lourizán, así como nos restantes ata a liña do deslinde dese dominio aprobado en 1996 e comprendidos entre os fitos 13 e 93".
Por iso, o colectivo asegura que "conseguiu un pleno ambiental: a recuperación das marismas de Lourizán" e cita os casos: "Construcciones Malvar (recuperado, pendente rectificación de escritura de Nino Mirón); Holcim (recuperado); Elnosa (pendente de casación ante o Tribunal Supremo); depuradora de Praceres e emisario submarino (pendente de casación ante o Tribunal Supremo); e Ence (en recuperación) ".