O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia rexeitou os recursos remitidos por Aqualia e Gestagua, dúas das empresas que se presentaron ao concurso para a adxudicación do servizo de auga en Pontevedra por un período de 20 anos.
O tribunal tamén levantou a suspensión temporal do contrato con Viaqua, a empresa que continuará sendo responsable deste servizo en Pontevedra por un prezo de adxudicación de 5,8 millóns de euros anuais e un canon de 7.810.327 euros.
O concelleiro responsable da área e portavoz do goberno municipal, Raimundo González, mostraba a súa satisfacción por esta resolución e sinalaba que esta decisión demostra que foi un contrato "feito con luz e taquígrafos" para destacar a "chuvia de millóns e grandes investimentos" que provocará.
González Carballo destacou que o contrato será beneficioso para a cidade porque Pontevedra converterase no primeiro municipio galego coa rede de saneamento completada e afirmou que no prazo de aproximadamente dous anos máis de dous terzos do rural contará coa posibilidade de conectarse á rede.
O contrato establece tamén, entre outras reformas, a renovación dos servizos e reurbanización da rúa Echegaray cun investimento de 663.900 euros, a dotación de servizos para Montecelo, mellora do bombeo de auga en Monte Porreiro e a instalación de 22 estacións de bombeo de augas residuais.
A rede de abastecemento cun investimento de 30.233.205 euros incrementarase en 153 quilómetros coa creación dun depósito en Valadares, para proporcionar auga ás parroquias de Marcón e Tomeza.
O concelleiro espera que a próxima semana, unha vez que Viaqua presente a documentación requirida e se realicen as comprobacións técnicas, se asine o contrato.
Esta concesión tamén abrirá a porta a unha nova ordenanza que establecerá un novo criterio na factura da auga, de forma que os usuarios paguen polo consumo real que realicen e desaparecerá a tarifa mínima actual.