O Tribunal Administrativo Central referenda o contrato de mantemento de xardíns que cuestionaba o PP

Pontevedra
26 de febreiro 2015

César Abal valora que "ganó el BNG, pero pierden los pontevedreses", pois o contrato recolle unha superficie de xardíns a manter "inflada y sobredimensionada" e critica a actitude do Goberno local, que, en lugar de refacer os pregos, optou por seguir adiante: "No se trata de la ley del más fuerte, se trata de tener en cuenta los intereses de los pontevedreses"

Traballadores do servizo de mantenemento de xardíns e zonas verdes de Pontevedra
Traballadores do servizo de mantenemento de xardíns e zonas verdes de Pontevedra / Mónica Patxot

O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais referenda os pregos de condicións que van rexer a contratación do servizo de mantemento de xardíns de Pontevedra. O procedemento fora suspendido de forma provisional a raíz do recurso presentado polo PP local, pero agora este tribunal dependente do Ministerio de Facenda decidiu desestimar o citado recurso e alzar a suspensión preventiva.

A resolución do Tribunal Administrativo Central, comunicada ás partes este mércores, desestima o recurso interposto polo concelleiro César Abal en nome do PP concluíndo que os informes que obran no expediente administrativo contradín as afirmacións 'populares' e que non percibe que no procedemento haxa un vicio de nulidade total, tal e como defendía o recurso.

O recurso do PP cuestionaba o prego de cláusulas administrativas particulares e o prego de prescricións técnicas do procedemento de contratación, pero o tribunal referenda todas as condicións nunha resolución que é definitiva en canto á vía administrativa, pero recorrible no xulgado. Contra esta pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O PP recurriu o prego de condicións redactado polo Goberno local baseándose en que, segundo o estudo realizado polos 'populares', infla a superficie de zonas verdes municipais. Fala en xeral de todo o concurso, pero centra a súa crítica en dous exemplos, os terreos da antiga fábrica de Tafisa, unha parcela que aínda non foi recepcionar polo Concello de Pontevedra, e o ámbito de Pasarón, do que os 'populares' recordan que "en realidad se trata de un aparcamiento y no contempla jardines".

Tras decatarse da resolución, César Abal valorou, en declaracións a PontevedraViva, que "ganó el BNG, pero pierden los pontevedreses", pois os terreos de Tafisa seguirán sen recepcionarse e "Pasarón seguirá siendo un lodazal", pero o contrato recollerá, de todos os xeitos, unha superficide de xardíns a manter "inflada y sobredimensionada" pola que haberá que pagar.

César Abal matiza que no seu recurso se centraron nesas dúas zonas, pero advertían de irregularidades en moitas máis e, por exemplo, a superficie de zonas verdes que se recolle para o seu mantemento e limpeza nos recintos escolares é tres veces superior á real. Ademais, critica a actitude do Goberno local, que, en lugar de refacer os pregos, optou por seguir adiante. "No se trata de la ley del más fuerte, se trata de tener en cuenta los intereses de los pontevedreses", indicou ao respecto.

Arquivado en