Os ecos do trasvase do río Verdugo chegarán a Bruxelas. Farano da man do BNG. Ana Miranda, que substituirá como eurodeputada o próximo mes de febreiro a Josu Juaristi (Bildu), presentará unha denuncia contra a Xunta de Galicia ante as autoridades europeas, ao entender que esta medida incumpre a normativa comunitaria de augas.
A portavoz do BNG en Bruxelas, a través da súa conta en Twitter, explicou que a Comisión Europea "debe saber" que a Xunta de Galicia "incumpre" a legalidade e denunciou o "mercadeo" e o "malgasto" dos recursos hídricos en Galicia.
Comisión Europea debe saber que Xunta incumpre Directiva Augas no trasvase río Verdugo@BNG_ParlEuropa denuncia mercadeo e malgasto hídricos pic.twitter.com/XsVz0ImsN6
— Ana Miranda (@anamirandapaz) 4 de diciembre de 2017
Ana Miranda prevé visitar a próxima semana os municipios de Ponte Caldelas e Soutomaior, as dúas zonas máis afectadas polo trasvase previsto
Os servizos xurídicos do partido xa están "dando forma" ao armazón legal desta denuncia, coa que pretenden frear unha actuación que non conta con "ningún tipo" de informe técnico nin ambiental. Así o anunciou Manu Lourenzo, líder do BNG en Soutomaior, durante a manifestación celebrada no municipio en contra deste trasvase.
Todos os biólogos consultados, segundo Lourenzo, confirman que esta operación tería unha "influencia importante" sobre o Verdugo e os bancos marisqueiros do fondo da ría de Vigo, ao reducir á metade o caudal do río e poñer en risco todo o ecosistema.
"Van matar o río con este trasvase", engadiu o portavoz do BNG en Soutomaior, que avanzou que a Xunta "nos vai a ter enfronte" dun modelo "antiecolóxico" que cualifica como "tremendamente lesivo e prexudicial".
A actuación prevista polo goberno galego, valorada en 5,5 millóns de euros, ten un prazo de execución de tres meses e pretende construír unha rede de 6,6 quilómetros de tubaxes, a través dos cales fornecer uns 350 litros de auga por segundo entre o río Verdugo e o encoro de Eiras, que abastece a Vigo e unha decena de municipios da súa área metropolitana.
Esta cantidade de auga supón, segundo os cálculos de Augas de Galicia, un terzo das necesidades diarias de Vigo e a súa área de influencia.