O trasvase de auga do Verdugo, camiño dos xulgados

Ponte Caldelas
05 de decembro 2017

Todo apunta a que, se as posturas de ambas as partes non cambian substancialmente nos próximos días, o anunciado trasvase de auga entre o río Verdugo e o encoro de Eiras -que abastece a Vigo e a súa área metropolitana- acabará nos tribunais de xustiza. Ponte Caldelas ultima xa dous recursos para esixir a paralización desta medida

Andrés Díaz e membros do goberno municipal, na manifestación contra o trasvase en 2017
Andrés Díaz e membros do goberno municipal, na manifestación contra o trasvase en 2017 / PontevedraViva

Todo apunta a que, se as posturas de ambas as partes non cambian substancialmente nos próximos días, o anunciado trasvase de auga entre o río Verdugo e o encoro de Eiras -que abastece a Vigo e a súa área metropolitana- acabará nos tribunais de xustiza. Ponte Caldelas ultima xa dous recursos para esixir a paralización desta medida.

O informe xurídico encargado polo goberno municipal propón ata tres medidas, tanto administrativas como xudiciais, en función das decisións que adopte a Xunta de Galicia.

A administración autonómica, entenden desde Ponte Caldelas, está "obrigada" a aprobar o proxecto do trasvase e sometelo a exposición pública, un proceso ao que se poderán presentar alegacións. No caso de que non se admitan as que remitirá o Concello, presentarase un recurso contencioso ante o órgano competente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que levará aparellado a solicitude de paralización cautelar do trasvase.

Así o explicou este martes o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. Un segundo recurso presentaríase no caso de que Augas de Galicia execute a obra pola vía de urxencia, sen aprobar previamente o proxecto e a avaliación ambiental. Sería un recurso ante o xulgado do contencioso de Pontevedra contra a actuación material pola vía dos feitos, o que anteriormente se coñecía como interdicto, que tamén esixirá a paralización inmediata das obras.

Andrés Díaz entende que o problema radica na "escasísima calidade" do goberno galego, ao "comprometer" á administración autonómica con actuacións de "dubidosa legalidade".

O rexedor engadiu que "baixo ningún concepto" esta obra, valorada en 5,5 millóns de euros, pode ser considerada como de emerxencia, polo que debe estar precedida dos estudos "pertinentes", dun proxecto técnico "correctamente aprobado" e do correspondente "escrutinio social" da exposición pública.

CONCENTRACIÓN EN PONTEVEDRA

Ao mesmo tempo, o Concello de Ponte Caldelas xa comezou a organizar unha segunda mobilización social contra este trasvase que terá lugar, en data aínda por decidir, ante a delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra. Trataríase de darlle continuidade ás protestas nas rúas que comezaron o pasado domingo cunha multitudinaria manifestación en Ponte Caldelas.

O goberno municipal asegura estar "disposto" a sufragar autobuses ata Pontevedra para facilitar a asistencia dos veciños. Ademais, iniciarán unha rolda de contactos para pedir o apoio de colectivos sociais e ecoloxistas de toda Galicia contra unha decisión que cualifican de "salvaxada ambiental".

Arquivado en