O transporte a demanda será o "coche de punto" e iniciará as súas probas o 31 de xaneiro

Pontevedra
19 de xaneiro 2022

Pontevedra recuperará o "coche de punto", unha tradición que " aínda estaba viva" na memoria dos pontevedreses. Era un servizo paralelo ao coñecido como "coche de liña" e servía para desprazarse a un lugar en concreto e recoller aos seus viaxeiros. Por iso, o Concello entende que "non había opción mellor" para bautizar o transporte a demanda da cidade 

Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade en Pontevedra
Demetrio Gómez, concelleiro de Mobilidade en Pontevedra / Mónica Patxot

Pontevedra recuperará o "coche de punto", unha tradición que " aínda estaba viva" na memoria dos pontevedreses. Era un servizo paralelo ao coñecido como "coche de liña" e servía para desprazarse a un lugar en concreto e recoller aos seus viaxeiros.

Por iso, o Concello entende que "non había opción mellor" para bautizar o transporte a demanda da cidade que, se se cumpren as previsións, estará operativo a finais de ano, segundo explicou o edil de Mobilidade, Demetrio Gómez. 

"Soa ben, recuperamos unha tradición e creamos unha marca que se entende e queda moi elegante", sostivo o responsable municipal.

Será, en todo caso, para persoas que queiran desprazarse do rural á cidade -non se permitirá viaxar entre parroquias- e poderán compartilo varias persoas, sempre que vivan en zonas próximas porque os seus domicilios serán sempre o punto de partida. 

O "coche de punto" entrará en fase de probas o próximo 31 de xaneiro. Durante un mes, vinte usuarios de catro parroquias, Marcón, Salcedo, Tomeza e Ponte Sampaio, probarán todo o sistema para corrixir posibles defectos na plataforma que se creou.

A idea, segundo Demetrio Gómez, é que "non lle imos explicar a ninguén" como darse de alta na plataforma ou como solicitar unha viaxe "para ver se é accesible e intuitivo" ou se teñen que facer certas correccións para que a interacción do usuario sexa máis sinxela.

Os viaxeiros nesta fase de probas serán seleccionados polo Concello, en colaboración cos consellos parroquiais. Poderán descargarse a APP nos seus móbiles ou solicitar viaxes na páxina web ou na central de reservas que, por agora, será a de Radio Taxi.

Haberá dez taxistas que prestarán este servizo -con vehículos de ata 9 prazas- durante este primeiro mes. Serán viaxes gratuítas para os usuarios e que se poderán facer entre as 07:00 e as 14:30 horas. Deberán solicitalos o día anterior e recibirán unha confirmación telefónica.

Durante estas probas, as viaxes realizaranse entre os domicilios das persoas seleccionadas e puntos determinados da cidade que, por agora, serán a Praza de Galicia, o centro de saúde da Alameda, a Casa do Mar, o Hospital Provincial, a delegación da Xunta en Campolongo, o campus universitario, as estacións de bus e tren e a praza de abastos.

Fóra do ámbito urbano, só se permitirán viaxes ata Montecelo, aínda que cando estea totalmente operativo tamén se incorporará o centro de saúde de Lérez.

"Estamos realmente moi ilusionados porque non existe en ningún sitio un sistema como este", destacou o concelleiro nacionalista.