Chega a última proba dos campionatos do mundo de tríatlon coa proba do tríatlon de longa distancia, que terá unha importante afectación ao tráfico na cidade, no resto do municipio e no veciño de Barro este sábado 4 de maio. A incidencia será, polo tanto, no ámbito urbano e tamén nas N-550 e na PO-224.
No centro da cidade as rúas afectadas estarán pechadas ao tráfico entre as 08:00 e as 20:00 horas. O percorrido péchase unha hora antes do inicio das probas. Serán as seguintes: Pai Fernando Olmedo, Pai Gaite, Salustiano Portela Paz, avenida de Bos Aires, Serra, Arcos San Bartolomé, Rúa Pedreira, Praza Pedreira, Don Gonzalo, Sarmiento, Pasantería, Praza Ferrería, Praza Peregrina, Soportais, Curros Enríquez, Real, Sarmiento, San Xulián, Serra e avenida de Bos Aires, con meta no Estadio da Xuventude.
Queda totalmente prohibida a carga e descarga de mercadorías en todo o percorrido así como na súa área de influencia.
O mercado de abastos estará aberto permitíndose a mobilidade tanto a pé como en vehículo a motor e o estacionamento da zona monumental tamén estará operativo. Os aparcadoiros disuasorios estarán operativos agás o Recinto Feiral.
Na estrada N-550 e PO-224, o peche será desde as 07.00 ata as 16.30 horas. O percorrido péchase unha hora antes do inicio das probas. Na nacional N-550 a proba afectará dende Médico Ballina ata o lugar de Briadorio (Barro), na estrada PO-224: desde o Pontillón de Castro ata Bordel.
Na N-550 habilitarase, en varios puntos, carrís de circulación co fin de que os veciños teñan a maior mobilidade posible, aínda que algúns pola dificultade de habilitar estes carrís terán que deixar os seus vehículos estacionados en lugares próximos que lles permitirá acceder a distintas vías de conexión coa cidade ou outros destinos.