Arroupados polo alcalde de Vilaboa, César Poza e pola concelleira de Dinamización Económica, Carmen Gallego, membros da Asociación Cultural Cobres presentaron no Concello o programa do Entroido para este ano que nesta edición porá en valor os valores máis emblemáticos deste festexo singular e único en Galicia botando man das novas tecnoloxías.
O cartel, coa nova imaxe e cores aprobada para esta nova andaina do Entroido de Cobres na que aspira a conseguir a catalogación como Fiesta de Interés Turístico Nacional, conta con dous códigos QR que facilitarán o seguimento das actividades en tempo real. Un deles permite o acceso directo á web específica do Entroido e o outro permitirá a calquera que queira vivir esta festa saber en tempo real onde estarán danzando as damas e galáns a través de Whatsapp.
Dous códigos QR facilitarán o seguimento das actividades en tempo real
Martín Duarte, presidente da Asociación Cultural Cobres, matizou durante a presentación a diferencia entre “ver e vivir” o Estroido de Cobres. Para a primera opción o momento ideal será o martes 13 de febreiro, xornada grande dos festexos, na que ademáis do percorrido polos barrios haberá sesión vermú e pola tarde a Corrida do Galo presentada polo televisivo Isi e como predicadora @Letidataberna, creadora de contido en galego cun importante número de seguidores nas súas redes.
"Pero quen queira vivir o Entroido ten que participar no percorrido que facemos do 10 ao 13 de febreiro por todos os barrios", apuntou Martín Duarte. Arredor de 80 danzantes, con idades comprendidas entre os 5 e os 35 anos, adican o día enteiro a percorrer a pé coas danzas e coloridas vestimentadas cada unha das localidades de Vilaboa. "Eso haino que ver, a cara coa que nos recibe a xente; como nos abren as portas das súas casas", insiste Duarte.
César Poza convida tamén a participar directamente nesta parte máis interna do Entroido. "Calquera de fóra sentirase parte desta Festa a través dos propios recordos que as danzas despertan entre as persoas residentes en cada zona", conclúe.
Na organización do Entroido, xunto ao nutrido grupo que percorrerá as parroquias, está outro de veteranos, con idades máis maduras, que traballan na recuperación de danzas tradicionais e que podán en escena o martes 13 na carpa da Festa.