O traballo para previr condutas aditivas ten premio

Pontevedra
03 de xuño 2017

Un acto celebrado no Teatro Principal serviu para entregar os premios do concurso de carteis de prevención de condutas aditivas no que participaron 240 alumnos de doce centros educativos do municipio

Concurso de prevención de condutas aditivas
Concurso de prevención de condutas aditivas / Mónica Patxot

Un acto celebrado no Teatro Principal serviu para entregar os premios do concurso de carteis de prevención de condutas aditivas no que participaron 240 alumnos de doce centros educativos do municipio.

O primeiro premio, dotado cun vale de 250 euros para mercar material escolar ou libros, foi para Lucía Pardilla Fraguas, Sofía Rey Díaz, María Labrador Garrido e Sara Bouzón Verla, alumnas de segundo da ESO do IES Sánchez Cantón.

Pola súa banda, Virginia Pesqueira Loureiro, Nuria Ricoy Rodríguez, Mariña Vázquez Méndez e Laura Zas Cespón, todas elas de terceiro da ESO do IES Xunqueira I, lograron o segundo premio, gañando un vale de 200 euros en material escolar e libros.

O xurado tamén concedeu dous accésit, valorados en 50 euros en material escolar e libros, a Ángeles Jiménez Jiménez e Claudia Rivero Pérez, alumnas de primeiro da ESO do IES Xunqueira I e do IES Valle Inclán, respectivamente.

Ademais, o evento acolleu a final do concurso de prevención de condutas aditivas dirixido ao alumnado de cuarto da ESO.

As fases previas celebráronse no primeiro trimestre do ano nos institutos de educación secundaria da cidade, dentro dos obradoiros que se imparten na ESO, onde saíu un grupo gañador por aula. Nesta final participaron 20 grupos de oito centros.

O concurso consistiu en probas de axilidade mental onde os participantes amosaron os coñecementos adquiridos nos obradoiros preventivos.

O premio será a realización dunha actividade grupal de ocio.