O catálogo de actividades a disposición dos colectivos memorialistas da provincia, audiovisuais, galerías fotográficas e documentacións relativas a exposicións, as Xornadas ‘Na Loita contra a impunidade’, e o traballo cos colectivos da provincia que traballan na materia. Toda esta información está dispoñible desde este mércores na Rede para a súa consulta por toda a poboación que o desexe.
Pode consultarse no apartado de memoria histórica da nova web do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico e Memoria Histórica da Deputación Provincial de Pontevedra, que se presentou este mércores. Consta de seis apartados, un deles específico sobre este tema.
Nesta sección de memoria histórica tamén hai un apartado de recursos, nos que calquera persoa poderá atopar directorios das asociacións de memoria da provincia, webs e ligazóns de interese, lexislación e normativa aplicable ou bases de datos como ‘A xeración perdida’, de concelleiros das corporacións republicanas que se viron afectadas polo alzamento fascista.
O apartado inclúe tamén investigacións como as realizadas en Rexas ou GalizAmérica; un apartado para premios do departamento, e tamén outro de publicacións, que se estrea coa posta a disposición online dos artigos do libro O Pasado Por Vir. Ademais, e de cara ao futuro, preténdese ampliar con traballos de investigación propios da Deputación.
A deputada do ramo, María Ortega, presentou este mércores o novo portal, que permitirá realizar xestións como buscar unha publicación da editorial provincial, acceder ás novidades da biblioteca do Arquivo, consultar a colección histórica do Boletín da Provincia ou consultar recursos cartográficos ou coñecer calquera traballo do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, así como da citada área de Memoria Histórica.
A Deputación destaca que a renovación da actual páxina (arquivos.depo.gal) era moi necesaria xa que a súa vella estrutura non permitía poñer en valor o inxente traballo realizado no departamento e servirá de complemento ao buscador AtoPO, estreado a finais de 2019.
Ortega destacou que esta nova web chega nun momento, dende a pandemia, no que se teñen multiplicado as visitas, polo que desde a institución provincial entenden que "os contidos e as novidades van ter moi boa acollida, sobre todo grazas á súa nova nova apariencia e estrutura máis acaída cos tempos actuais".
A xefa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Ana Vicente subliñou que aos contidos "de sumo interese" que xa facilitaba a web súmase agora unha renovación que os presenta de maneira sinxela, atractiva e dinámica. Destacou que o obxectivo é que sexa unha "invitación á cidadanía a acceder para aumentar a súa bagaxe intelectual" cos recursos dos que dispón o departamento.
Entre as moitas modificacións técnicas introducidas resaltan a simplificación da navegación para facela máis cómoda para as persoas usuarias, facilitando a consulta de contidos en menos clicks e o redeseño, acorde ás últimas tendencias e estándares de deseño.
O novo portal, ademais, é completamente "responsive" e pódese consultar desde calquera dispositivo, tanto desde computadores, tabletas e móbiles grazas ao seu deseño adaptado. Ademais, a web está desenvolvida seguindo todos os estándares e principios de accesibilidade.
O portal terá seis seccións que explicarán o traballo das áreas de Arquivo, Biblioteca, Audiovisual, Cartoteca e Editorial, ademais do de memoria histórica.