O Toxo, epicentro das festas de fin de curso nas escolas infantís públicas

Pontevedra
30 de xullo 2024

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Familia e Infancia, Jacobo Rey, do xerente da Axencia Galega de Servizos Sociais e do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este martes a escola infantil ‘O Toxo’  

Fabiola García, no fin de curso 2023-2024 na escola infantil do Toxo
Fabiola García, no fin de curso 2023-2024 na escola infantil do Toxo /

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do director xeral de Familia e Infancia, Jacobo Rey, do xerente da Axencia Galega de Servizos Sociais e do delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este martes a escola infantil ‘O Toxo’, pertencente á rede pública autonómica, para entregar as fotografías e orlas de fin de curso.

Fabiola García explicou que esta mesma semana remata o curso nas máis de 170 escolas infantís públicas autonómicas de 0 a 3 anos e, como vén sendo habitual, os cativos e as súas familias están recibindo "este pequeno agasallo co que o goberno galego agarda que lembren con cariño o seu paso por estes centros".

A escolla deste centro pontevedrés "non foi por casualidade", a conselleira quixo recoñecer o labor da súa directora, Luisa Pereira, que se xubila logo de 18 anos á fronte da Escola Infantil O Toxo e, en total, "case catro décadas educando e coidando e mimando a milleiros de nenos en varias escolas infantís públicas galegas". 

Fabiola García destacou a súa "eficacia e humanidade" como directora e a súa "traxectoria impecable marcada polo compromiso co servizo público, o esforzo e a dedicación".

A conselleira puxo a Luisa Pereira como exemplo da importancia da educación e atención de 0 a 3 anos e aproveitou para lembrar que nesta etapa a Xunta aposta pola gratuidade do 100% das escolas infantís, independentemente da súa titularidade (pública, privada ou de entidades sociais).

Fabiola García destacou que o goberno galego inviste nesta "medida pioneira" uns 60 millóns de euros ao ano, "sen apoio do Executivo central", para "ofrecer conciliación" a máis de 32.000 familias e un aforro anual de máis de 3.000 euros por neno.

O próximo mes de setembro comezará o terceiro curso no que se aplicará a gratuidade.

Fabiola García apuntou que, no que queda de verán, a Xunta aproveitará para poñer a punto estes centros cun investimento de 3 millóns de euros en obras de mellora.

O obxectivo, engadiu, é interferir o menos posible na actividade das escolas e que á volta das vacacións estea todo listo para comezar o curso coas instalacións renovadas.