Este luns arrancaba no CEIP A Carballeira de Lourizán o primeiro dos obradoiros divulgativos organizados pola Concellería de Educación de Pontevedra no marco do proxecto O Teu Cole na Historia. O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, asistía a esta primeira sesión.
O taller foi impartido polos artistas Kike Mauricio e Carlos Taboada, da firma creativa Polo Correo do Vento, e o músico Antón Ke. A actividade incluíu narración oral, debuxo e música en directo e xirou en torno ao mural que Mauricio e Taboada realizaron neste colexio en novembro do ano pasado.
O mural do CEIP A Carballeira inspírase na excepcional contorna na que se atopa este colexio, cun recinto que conta cunha pedra que atesoura gravados rupestres e desde a que se poden albiscar a ría de Pontevedra e a Illa de Tambo, recollendo a mesma vista que pintara no seu día Ovidio Murguía e cantara Filomena Dato desde o Pazo de Lourizán. As mariscadoras tamén son protagonistas desta obra, ao igual que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, todo baixo a atenta ollada dun corvo mariño. Como colofón da mesma, hai tamén unha lembranza para o trolebús que unía Pontevedra e Marín.
Coa peza pictórica como referencia, Polo Correo do Vento e Antón Ke contaron a historia do colexio e as particularidades da contorna. Na segunda parte do taller desenvolveuse unha actividade de debuxo cos pequenos.
Tino Fernández subliñou que a intención do programa é a de xerar "un itinerario educativo e cultural na que os rapaces coñezan non só o pasado, patrimonio, contorno natural e figuras célebres vencellado aos seus respectivos colexios, senón tamén os dos demais centros participantes".
Neste sentido, a Concellería de Educación xa comezou a distribuír uns folletos cun mapa nos que aparecen todos os murais realizados ata a data. En concreto, os centros educativos que contan con intervencións de O Teu Cole na Historia son os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.