O Tenis de Mesa Monte Porreiro, Vitoria Ogando e Anxo González, premios Cidade de Pontevedra 2021

Pontevedra
13 de xaneiro 2022

Os galardóns entregaranse nun pleno extraordinario de honra que se desenvolverá o 20 de xaneiro, aproveitando a festa de San Sebastián

Reunión do xurado dos Premios Cidade de Pontevedra
Reunión do xurado dos Premios Cidade de Pontevedra / Mónica Patxot

Os premios Cidade de Pontevedra de 2021 xa teñen gañadores.

O xurado decidía este xoves 13 que os profesores xa xubilados Vitoria Ogando e Anxo González Guerra logran ex æquo o premio na categoría de persoa física. Doutra banda, o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro fai o propio na categoría de persoa xurídica.

Despois da reunión do xurado a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, compareceu diante dos medios para explicar os motivos deste acordo. 

Carme Fouces sinalou a "felicidade e satisfacción" acadada grazas á unanimidade lograda á hora de escoller os galardoados desta edición.

"Foi unha situación amable, seguindo as bases destes premios, deseñados para que todas as persoas, asociacións, prensa e organizacións políticas poidan estar de acordo en algo tan importante como son estes premios, que representan a toda a cidade", explicou.

Fouces recoñeceu a importancia e valor de todos os nomeados nesta edición "moi potentes e que calquera de todas as candidaturas sería moi merecedora do Premio Cidade de Pontevedra, o que demostra o pulso social e o dinamismo que ten a Boa Vila".

O Club Tenis de Mesa Monte Porreiro foi o premiado na categoría de persoa xurídica, mais a concelleira de Cultura fixo fincapé na idea de que, se ben era a única candidatura para esta modalidade "que ninguén pense que se vota por exclusión ou porque non hai máis remedio".

Sinalou que o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro "é un enorme merecedor dos premios Cidade de Pontevedra porque o traballo que leva feito ao longo dos últimos anos, a súa proxección internacional lograda no último ano, e todo o que aportou ao deporte de base e competición xustifica a súa elección".

Na modalidade de persoa física, Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel logran o Premio Cidade de Pontevedra ex æquo. "Alén do consenso unánime que os leva a ser galardoados co premio, Anxo e Vitoria forman parte destra sociedade e cidade desde hai corenta anos, sempre amosando un esforzo enorme polo ensino e a mellora da nosa lingua como dá boa conta disto a plataforma ogalego.eu", sinalou Fouces.

As outras candidatas, Carmen Quinteiro e Nené, segúndo Fouces, "eran grandes merecedoras tamén do Premio Cidade de Pontevedra, mais este ano irá para Anxo e Vitoria".