O Concello de Ponte Caldelas e a empresa especializada Galaicaventura decidiron adiar o evento lúdico para toda a familia Caldelas Aventura, que estaba previsto para este domingo 18 de marzo e finalmente quedará ata o domingo 8 de abril.
As malas previsións meteorolóxicas que se agardan para esta fin de semana e o estado dalgunha das zonas que van utilizar para o evento aconsellaron o cambio de data e escolleuse deixalo para despois de Semana Santa.
Caldelas Aventura ten un tope máximo de 260 participantes e a día de hoxe xa conta cun centenar de persoas inscritas. Para formalizar a inscrición basta con encher o formulario nesta ligazón. Entre os participantes figurarán concelleiros do equipo de goberno municipal tripartito.
A actividade ten un custo de inscrición de 5 euros e toda a recadación estará destinada aos damnificados polos incendios forestais. A inscrición debe realizarse en grupos de catro persoas, pero tamén é posible facela individualmente, porque todas as persoas serán asignadas a un grupo.
Os equipos deberán completar un percorrido e ir superando probas, sempre cun enfoque non competitivo. As bases mesmo prohíben correr e enfatizan que non haberá ningún premio aos primeiros clasificados, senón que todos os premios serán sorteados. Tan só hai que cubrir o circuíto dentro do horario previsto, entre as 11.00 horas e as 16.00 horas.
Trátase dunha proba máis parecida aos rastrexos que agora están de moda que a unha carreira de orientación. Non é necesaria ningunha condición física e mesmo admítese a participación de nenos, sempre que estean nun grupo con presenza de adultos que se responsabilicen deles.