Pontevedra queda sen Noite Pirata. As intensas choivas e os fortes refachos de vento que acompañan, desde primeira hora da tarde, á xa coñecida como borrasca Laura, impediron o desembarco da tropa do Burla Negra de Benito Soto e o seu combate polo centro histórico co barco inglés Morning Star e o francés Trois Mers.
O Concello comunicou que o temporal obriga á suspensión deste espectáculo. A pesar de que se esperou ata última hora antes de tomar esta decisión, a alerta amarela decretada polos servizos meteorolóxicos recomenda a súa cancelación.
Fontes municipais aseguran que o feito de que a Noite Pirata estea protagonizada por compañías profesionais impide que, nesta ocasión, o evento poida ser reprogramado durante os próximos días.
Se o tempo o permite, o Entroido de Pontevedra retomarase este mércores 6 de marzo coa celebración da tradicional Corrida da Rosca, ás 16.30 horas en Campañó, e coa recreación na Peregrina da botica de Perfecto Feijóo, a cargo da Aula Municipal de Teatro.
A segunda eliminatoria do concurso de murgas, que será ás nove da noite no Pazo da Cultura, completará a programación festiva.