Osfamiliares dos 21 pescadores falecidos no tráxico naufraxio do Villa de Pitanxo en augas de Terranova, en Canadá, teñen a próxima semana unha cita imprtante, coa reunión prevista en Madrid coa ministra de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, Raquel Sánchez.
O encontro celebrarase o vindeiro martes 26 de xullo, ás 12.30 horas, unha cita ante a que as familias dos falecidos e desaparecidos no naufraxio reiterarán a súa petición de baixar ao pecio para obter probas sobre as causas do accidente.
"Xa non hai argumentos para non baixar: tecnicamente é posible baixar cun robot ao pecio, hai medios e hai cooperación de Canadá", asegura a portavoz dos familiares, María José de Pazo.
"É responsabilidade do goberno coñecer con todas as probas obxectivas as causas do afundimento a fin de evitar que se repita", defende asegurando ademais que "o tempo se acaba" xa que "o verán vai chegar pronto ao seu fin".
Por todo iso "o martes o goberno ten unha oportunidade histórica de demostrar a súa responsabilidade cos traballadores deste país", asegura de Pazo lembrando o compromiso adquirido no seu momento polo presidente do Goberno de facer "o posible e imposible" e que "quedou nunha frase sen tentar materializarse".