O tellado da protectora de animais Os Palleiros de Campañó estará renovado en maio

Pontevedra
26 de marzo 2021

O proxecto, impulsado por Benestar Animal, suporá un investimento de máis de 16.000 euros. Estará rematado no prazo dun mes e permitirá acabar cos problemas de filtracións de auga que o edificio da canceira municipal de Campañó padece durante as épocas de choiva  

Obras no tellado da protectora de animales Os Palleiros
Obras no tellado da protectora de animales Os Palleiros / Concello de Pontevedra

O tenente de alcalde, Tino Fernández, e o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, desprazáronse este venres ata a parroquia de Campañó para supervisar o inicio dos traballos impulsados polo Concello de Pontevedra para renovar a cuberta da protectora xestionada polo colectivo de protección animal Os Palleiros.

O proxecto está a ser executado pola empresa Edigrup Global SL, Obras e Servizos, suporá un investimento de 16.319,39 euros e ten o obxectivo de poñer fin aos problemas de filtracións de auga que o edificio da canceira municipal padece durante as épocas de choiva, segundo o goberno local.

As obras de acondicionamento do tellado do refuxio comezaron coas tarefas de desmontaxe manual da deteriorada cuberta de chapa de aceiro actual. Despois procederase á instalación dunha estrutura auxiliar á existente e á colocación dunha nova cuberta inclinada de paneis tipo 'sandwich liso', cunha pendente maior do 10%, así como dos tapaxuntas e remates precisos.

Segundo o Marcos Rey, os traballos teñen un prazo de execución estimado dun mes e con eles permitirase solucionar estes problemas de filtracións que se teñen convertido nunha grandificultade para os responsables de Os Palleiros.

Estes problemas afectaban a espazos destinados á estancia de cadelas con cachorros, á recuperación de cans sometidos a intervencións cirúrxicas e ao illamento de animais enfermos, así como ao propio teito do quirófano.

Pola súa banda, Tino Fernández lembrou que esta situación de deterioración foi consecuencia do efecto do paso do tempo e das inclemencias climatolóxicas no tellado.