O Teatro Principal homenaxea os concelleiros e funcionarios represaliados na Ditadura

Pontevedra
27 de novembro 2014

Os represaliados recibirán unha homenaxe este venres 28 de novembro. Será a partir das 20.30 horas no Teatro Principal, nun acto aberto ao público que cumpre o acordo plenario de setembro, que fixaba a celebración dun acto de restitución simbólica e homenaxe aos membros da Corporación e funcionarios represaliados como consecuencia do levantamento fascista de xullo de 1936

Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal
Pleno da corporación municipal de Pontevedra no Teatro Principal / Mónica Patxot

Os concelleiros e traballadores do Concello de Pontevedra que foron represaliados pola ditadura franquista recibirán unha homenaxe este venres 28 de novembro. Será a partir das 20.30 horas no Teatro Principal, nun acto aberto ao público.

O acto cumpre o acordo plenario de setembro, que fixaba a celebración dun acto de restitución simbólica e homenaxe aos membros da Corporación e funcionarios represaliados como consecuencia do levantamento fascista de xullo de 1936. A moción establecía expresar a condena do levantamento militar fascista de xullo de 1936 e de todos os actos antidemocráticos posteriores, entre eles a destitución da corporación municipal e a depuración do persoal funcionario do concello, así como expresar a repulsa e rexeitamento da persecución política e de todas as formas de represión que sufriron os veciños de Pontevedra. 

A homenaxe contará coa participación dunha representación do persoal do Concello e de representantes das familias represaliadas. Ademais, estarán a banda de música de Pontevedra, o historiador Xosé Álvarez Castro e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Segundo os datos das investigacións de Xosé Álvarez Castro e a partir do estudo das actas dos plenos, a depuración do persoal produciuse durante máis de 10 anos, entre 1936 e 1946, e afectou a máis de 40 traballadores e traballadoras do Concello, que foron perseguidos polas súas ideas democráticas e republicanas.

Os casos máis dramáticos dos que se recordarán e homenaxearán son os do auxiliar da oficina de augas Juan Milleiro Sampedro, o músico da banda municipal Raimundo Rodríguez Neira e o subcabo da policía municipal Dionisio González Pérez, todos eles asasinados durante a Ditadura. Durante esa etapa foron perseguidos moitos membros da Corporación, que sufriron cárcere, exilio, multas, acoso e asasinatos.