O TapaLacón incluirá dúas demostracións culinarias da man do chef Iván Méndez e a blogueira Tere Rico

Umia
20 de febreiro 2024

As sesións terán lugar na Casa do Médico, constan de 20 prazas e as inscricións deberán realizarse poñéndose en contacto coa Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX)

Clase de preparación do lacón con grelos co chef Iván Méndez
Clase de preparación do lacón con grelos co chef Iván Méndez / Concello de Cuntis

O TapaLacón de Cuntis, proposta gastronómica que serve como antesala da Festa do Lacón con Grelos, volverá contar este ano con sendos ‘showcookings’ impartidos por dous grandes especialistas da cociña tradicional galega, como son o chef Iván Méndez e a blogueira, autora do espazo virtual 'Un momento dulce', Tere Rico. 

Repítese, deste xeito, a proposta do ano pasado, que tan boa resposta tivo.

O Concello de Cuntis informa de que estas sesións terán lugar na Casa do Médico. 

O venres 23 de febreiro, ás 18.30 horas, Iván Méndez, un clásico xa na programación do TapaLacón, amosará exquisiteces salgadas de lacón con grelos, ofrecendo diferentes propostas vencelladas á especialidade gastronómica estrela de Cuntis. 

Xa o sábado 24, ás 11.00 horas, chegará a quenda de Tere Rico, que explicará a mellor maneira de elaborar produtos típicos do Entroido. 

Desde a Concellería de Turismo explican que porase a disposición da cidadanía un total de 20 prazas por obradoiro e será necesaria inscrición previa.

As anotacións poden realizarse na Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) e tamén chamando ao número de teléfono 986533600 ou enviando un correo electrónico a [email protected].

O Concello lembra que serán dez os participantes nesta edición do TapaLacón. Trátase de A Bolera, O Moncho, Don Manuel, O Traspaso, A Casa da Burga, O Parladoiro, O Paseo, O Fogar do Pensionista, A Morena e A Fontiña. 

Cada tapa terá un prezo dun euro. As persoas que consuman estas especialidades entrarán no sorteo de diferentes agasallos. O horario do TapaLacón será de 19.00 a 23.30 horas tanto o venres 23 como o sábado 24, mentres que o domingo 25 serviranse desde as 11.00 horas, ata as 15.30. 

Durante estas tres xornadas encargaranse de amenizar o evento a Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis, así como o grupo folclórico Hai que Roelo.

Por outra banda, desde o Concello de Cuntis tamén se lembra que desde este mércores 21 de febreiro xa se poderán realizar as reservas para a degustación de lacón da Festa do Lacón con Grelos, o vindeiro domingo 3 de marzo. O prazo permanecerá aberto ata o 28 de febreiro, inclusive.

Os pases, cun custe de 20 euros, poderanse obter na plataforma virtual woutick.es. Tamén é posible efectuar a reserva a través da OMIX.