O tanatorio de Ponte Caldelas dispón dun prazo dun ano para a súa reapertura

Ponte Caldelas
07 de marzo 2018

O Concello da comarca abrirá un expediente de caducidade da licenza de actividade que dispoñen as empresas encargadas do tanatorio, se non cumpren co prazo establecido

Tanatorio Ponte Caldelas
Tanatorio Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

O goberno de Ponte Caldelas utilizará todos os medios legais para que as funerarias encargadas do tanatorio volvan poñer en marcha en canto terminen as súas obras de reforma. Para iso, anuncia que se as instalacións non se reabren nun prazo dun ano, iniciará un expediente de caducidade da licenza de actividade destas empresas privadas.

Concretamente, dispoñen ata o 21 de xullo para terminar as obras, segundo o informe xurídico que recibiu o Concello.

Para o desenvolvemento desta mellora nas infraestruturas, as dúas funerarias investiron un orzamento de 120.000 euros, tras recibir o expediente de disciplina urbanística aberto polo Concello.

Andrés Díaz, o alcalde, sinala que se están estudando alternativas para que Ponte Caldelas non quede sen tanatorio. Resalta o molesto que é para os veciños ter que desprazarse da localidade por ter as instalacións pechadas, por mor das disputas entre as dúas empresas encargadas.

O actual goberno formado pola coalición entre PSdeG-PSOE, AVP e BNG, lembra que o peche das instalacións en 2014 forma parte do legado que deixou o PP na localidade. Ademais, indica que a súa licenza de construción aprobada polo PP foi irregular, xa que o terreo estaba destinado a un equipamento deportivo.