O talento feminino copa o programa de apoio ao emprendemento rural nos viveiros da Deputación

Barro
15 de xullo 2021

Turismo accesible, sustentabilidade, artesanía, alfabetización dixital e promoción da cultura transfronteiriza nutren as ideas empresariais 

Viveiro de empresas de Barro
Viveiro de empresas de Barro / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acaba de seleccionar os cinco proxectos empresariais que formarán parte do segundo Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural que promove, en colaboración coa Fundación Roberto Rivas, no marco do plan de dinamización dos viveiros de empresas que xestiona en Lalín e Barro. 

O Programa de Apoio ao Emprendemento no Rural é unha iniciativa de asesoramento, formación e mentorización dirixido a persoas emprendedoras, profesionais ou empresas, cuxos proxectos se sitúen no medio rural ou o poñan en valor. 

Os proxectos de nova creación son os de Manuela Fernández (A Illa de Arousa –Meis), para a posta en marcha dun negocio de turismo accesible de proximidade dirixido á terceira idade e a colectivos con necesidades educativas especiais; Xiana Meda (Cambados), baseado na creación dunha web sobre a sustentabilidade con dúas vertentes, a divulgación de información sobre o desenvolvemento sostible e a oferta de servizos de comunicación a empresas interesadas na sustentabilidade como valor de marca; Elga Johanna Medina (Lalín) de aposta pola artesanía e o deseño con produtos feitos a man a partir de materiais sostibles e de proximidade, mentres que Mireia Murgoitio (Vigo) se centra na creación de pílulas formativas, en formato virtual e tamén presencial, destinadas á alfabetización dixital de empresas e particulares do rural. 

Doutra banda, o proxecto que busca consolidar o seu modelo de negocio foi presentado por Sheila Dorrego (Tomiño) e consiste nunha axenda de ocio e cultura que une as propostas culturais e deportivas do Baixo Miño e parte do Alto Minho Luso.

O programa culminará coa presentación dos proxectos no "DemoDay" e a fase posterior, de dous meses de duración, con titorías individuais e grupais destinadas ao testeo e lanzamento das iniciativas empresariais. A formación desenvolverase principalmente en modalidade telemática e nos momentos en que se realice algunha actividade presencial respectarase o protocolo para a prevención da Covid-19.