Esta fin de semana, o Surfing The Lérez foi un éxito de público pero tamén de solidariedade.
Como todos os anos, a Concellaría de Servizos Sociais que dirixe Anabel Gulías instalou unha mesa de recollida de produtos de primeira necesidade para a Redeaxuda na que están presentes todas as entidades sociais de Pontevedra.
A iniciativa estaba promovida pola organización do Surfing The Lérez que pedía ás persoas que se achegasen á Illa das Esculturas a gozar das dúas xornadas de concertos, que trouxesen produtos non perecedoiros para estas entidades sociais de Pontevedra.
O resultado foi "espectacular" segundo a concelleira, xa que se bateron récords de recollida. Foron 7 toneladas de produtos de todo tipo.
Os máis cuantiosos foron arroz, pasta e legumes, pero tamén conservas de peixe e verduras, aceite -un dos produtos máis caros da cesta da compra-, leite, comida para bebés e lactantes e cueiros -tamén moi caros-, e produtos de hixiene.
A cantidade foi tal que na xornada do sábado pola mañá que Redeaxuda xa tivo que repartir 1.000 quilos de arroz, pasta e verduras ao Comedor de San Francisco, que eran os alimentos que máis precisaban nestes momentos, porque non collían no almacén da Casa Azul, onde Redeaxuda ten a súa sede.
A partir deste luns a Concellaría de Servizos Sociais comezará o reparto do resto de produtos entre as entidades sociais da cidade, que os entregarán aos usuarios dos servizos sociais e das persoas en risco de exclusión.
Anabel Gulías quixo agradecer a todas as persoas que se achegaron ao Surfing a gozar da música que participasen nesta recollida solidaria, así como aos organizadores do festival por ter contado, un ano máis, con Redeaxuda como peza fundamental da festa.