O Tribunal Supremo inadmite a trámite o recurso interposto pola Plataforma Defensa Praza dos Praceres contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), emitida en febreiro de 2020, que dá por válido en toda a súa integridade o informe pericial encargado polo alto tribunal galego e, polo tanto, valida a legalidade dos recheos do Porto de Marín.
Esta inadmisión xustifícase pola falta de fundamentación suficiente e a carencia de interese casacional obxectivo para a formación de xurisprudencia. A resolución é firme.
Na sentenza do TSXG, emitida en febreiro de 2020, o tribunal concluía que non existía ningunha obra no Porto de Marín que debera ser retirada en función dos pronunciamentos recollidos no procedemento xudicial.
O tribunal galego argumenta que o plan especial do Porto foi anulado no seu día exclusivamente pola falta de declaración de impacto ambiental e, polo tanto, á hora de xulgar as obras realizadas, hai que excluir as que se realizaron ao amparo doutros plans e as que se realizaron ao amparo dese plan pero coa súa correspondente avaliación ambiental.
Precisamente, eso é o que confirmou o perito xudicial no seu informe, defendido pola Autoridade Portuaria, o Concello de Marín e o tecido empresarial; no que se recollen que todas as obras executadas estiveron correctamente definidas en base aos seus respectivos proxectos e que para a súa valoración analizouse a tramitación ambiental de cada unha das actuacións.
Esta nova sentencia, da que a alcaldesa de Marín, María Ramallo, deu conta no Pleno da Corporación celebrado esta tarde, supón unha boa nova para o Porto de Marín, o verdadeiro chan industrial e empresarial da vila, que ve validados os seus argumentos despois dun longo proceso xudicial.
"Con esta senteza firme, contra a que non cabe recursos, conseguimos seguridade xurídica para o recinto portuario e para toda a actividade económica que se desenvolve nel. Iso é fundamental para o futuro de Marín e do seu gran pulmón empresarial", explicou a rexedora.