O Tribunal Supremo confirma a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra que condena a José Luis Cortiñas a 20 anos de prisión polo cirmen machista no ano 2014 da súa esposa, María Luisa Jiménez Jiménez, coñecida como 'Lupe', que no momento do asasinato estaba embarazada do que sería o seu sétimo fillo co seu asasino.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xa confirmara as dúas décadas de cárcere de Cortiñas como autor dun delito de asasinato en concurso ideal cun de aborto e agora o Alto Tribunal volveu a facelo ao rexeitar integramente o recurso do home, que pretendía que se lle aplicase a atenuante de obcecación, baseándose en que discutira coa súa esposa antes do crime.
A defensa de Cortiñas tamén pedía no seu recurso que se lle anulase a agravante de aleivosía, pero o Supremo rexeitou a petición e subliña que se tivo en conta para aplicala que o ataque foi sorpresivo e inesperado, que a vítima presentaba 16 puñaladas; que, segundo a proba pericial forense, o corpo da vítima non presentaba ningunha ferida de defensa; e que nas uñas da vítima non aparecen restos de ADN do recorrente.
Segundo consta na sentenza do Supremo, dado o número de feridas causadas á vítima e a inexistencia de signo algún de defensa "é racional concluír que o ataque tivo que ser sorpresivo e inesperado" ata o punto de impedir calquera clase de defensa. A sentenza aplica ademais ao acusado a agravante de parentesco e a atenuante de confesión.
O Supremo tamén confirma que o acusado deberá indemnizar con 60.000 euros aos seus fillos que no momento do seu falecemento eran menores de idade e con 30.000 aos maiores de 18.
Cortiñas foi condenado en base ao veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular que o xulgou, e que acordou por unanimidade dos seus membros considerarlle culpable. Baseándose nese mesmo veredicto, o TSXG confirma que sexa condenado por un delito de asasinato alevoso en concurso ideal cun delito de aborto no que concorre a circunstancia agravante de parentesco e a atenuante de confesión. Ademais de impoñerlle 20 anos de prisión, condénao á prohibición de aproximarse e comunicarse por calquera medio cos seus fillos durante 21 anos.
A sentenza considera como feitos probados que o 24 de febreiro de 2014, nunha hora próxima ás 18.00 horas, Cortiñas viaxaba no vehículo Citroën ZX en compañía da súa muller e, en lugar non determinado, co propósito de acabar coa súa vida, golpeoulle repetidamente na cabeza e cara, ocasionándolle unha ferida incisa-contusa na ponte do nariz, unha fractura desprazada de ósos propios, un hematoma periorbitario dereito e varias contusións na rexión frontal do coiro cabeludo. A continuación, servíndose dun instrumento cortante, asestoulle tres puñaladas no pescozo, unha na boneca e doce na rexión anterior do tórax, producíndose a morte inmediata.