O Sindicato Unificado de Policía (SUP) presentou denuncia ante os concellos afectados polo mal estado das comisarías de Pontevedra e Marín solicitando unha inspección técnica a estes concellos.
Esta denuncia enmárcase na folla de ruta deste sindicato para tratar de que a Policía Nacional inclúa no II Plan de Infraestruturas do Ministerio do Interior a construción de novas dependencias para Pontevedra e Marín, entre outras localidades.
No caso das Comisaría Provincial, situada na rúa Joaquín Costa, a denuncia sinala o estado de conservación que presenta o edificio que "é francamente lamentable, estando anticuado e obsoleto para a realidade do século XXI".
Entre as deficiencias que presenta, o SUP destaca que a Oficina de Denuncias e Atención ao Cidadán, o espazo onde se recollen as denuncias, atópanse separadas unha doutra por un biombo, "o que determina unha absoluta falta de intimidade e privacidade para as persoas que van presentar unha denuncia, sendo todo perfectamente escoitado polo denunciante da mesa do lado".
Ademais, apuntan que os vestiarios destas dependencias carecen de duchas e de servizos, e que non existe zona algunha habilitada para o descanso dos funcionarios. Doutra banda, os espazos destas dependencias son de reducidas dimensións e existe unha clara falta de iluminación exterior. "O edificio carece dun óptimo acceso destinado a persoas con mobilidade reducida", engaden.
En canto á comisaría local de Marín, entre as deficiencias que sinalan na denuncia cabe destacar, "que o edificio que alberga a dependencia é un baixo, cuxa entrada se atopa contigua ao portal dunha vivenda, o que incide directamente na seguridade, sendo máis difícil de controlar a trasfega constante de xente".
É un edificio do que de dúas alturas fixéronse tres, un baixo, un entresollado e un soto que albergan o garaxe, os calabozos e os vestiarios. Esta distribución provocou que os departamentos teñan un tamaño "demasiado pequeno" e existan lugares que carecen de ventilación.
Debido ao próximo que está de vivendas residenciais houbo numerosas queixas por parte dos veciños sustentadas nos ruídos e molestias que provocan os detidos. O garaxe ten capacidade para dous vehículos, sendo necesario estacionar cinco, o que dificulta enormemente a maniobrabilidade dentro do mesmo. Isto imposibilita que os detidos poidan ser ingresados ou sacados de dependencias policiais polo garaxe, tendo que realizarse pola entrada principal no medio dos veciños. Non existe zona de estacionamento diante da Comisaría, só un lugar habilitado para realizar paradas. A garita de seguridade é de reducidas dimensións, existindo sitio escaso para unha soa persoa, así mesmo carece de sistema de aire acondicionado. Finalmente, a entrada principal ten 5 chanzos que dificultan o acceso a persoas con problemas de mobilidade.