O caso sen resolver da desaparición de Sonia Iglesias, o atraco no que faleceu a policía Vanessa Lage e un compañeiro resultou ferido, o crime de Secundino en Chancelas (Poio), o conflito pola xestión dos mercados ambulantes e o conflito das preferentes. Cinco feitos que escribiron a crónica de sucesos do últimos cinco anos en Pontevedra e tamén os cinco acontecementos que marcaron os cinco anos de cargo do subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello.
Con motivo da súa xubilación este sábado 26 de novembro, día en que cumpre 70 anos, Coello convocou aos medios de comunicación de Pontevedra a modo de despedida. Durante un almorzo informativo, fixo balance e asegurou que unha das espiñas que leva cravadas é que durante o seu período no cargo non se resolveu a desaparición de Sonia. Pero non o dá todo por perdido, pois "me consta que la policía sigue trabajando" e confía en que "se esclarezca y dé tranquilidad a la familia" graza á profesionalidade das Forzas de Seguridade, o "día a día" de traballo e a sorte, pois "siempre hay que tener un poco de suerte".
A outra cara da moeda do traballo policial sitúaa o aínda subdelegado no crime de Secundino en Chancelas, que "tuvo una resolución inmediata" e "se hizo justicia", pois as dúas autoras xa foron condenadas. Neste caso xerouse unha polémica cando Coello e os mandos da Garda Civil ofreceron unha rolda de prensa para informar sobre a resolución do caso un pouco antes da detención das dúas sospeitosas. Este xoves, asumiu o ocorrido e volveu pedir " desculpas ao poder xudicial" de Pontevedra, pero xustificou a súa actuación pola necesidade de "calmar" a alrma social que se xerou.
A tristeza invádelle cando lembra a morte de Vanessa Lage e "los silencios en la Comisaría de Vigo" e da problemática derivada das participacións preferentes o "prolongado en el tiempo" do conflito e o "comportamento impecable" da maioría dos afectados, que o estaban "pasando muy mal". E neses dous casos e en todos os que se deron ao longo do seu período na Subdelegación destaca o "comportamento exemplar" das Forzas de Seguridade do Estado, tanto a Policía Nacional como a Garda Civil.
"Evidentemente que tenemos que mejorar todos, individual e colectivamente", recoñece Coello, pero agradece o traballo de ambos os corpos policiais porque contribúen a "la paz social", teñen un importante papel preventivo da delincuencia e conseguen que "la provincia y la capital son seguras".