Poucas veces as tres centrais sindicais en Pontevedra se poñen de acordo para realizar accións conxuntas. Non obstante, o subdelegado do Goberno, Antonio Coello, conseguírao cun primeiro encontro no que lles pedira "sentidiño" ante a folga xeneral do 14 de novembro e un segundo no que os sindicatos querían evitar multas por diferentes actos durante aquela xornada. Naquelas reunións, as dúas partes mostráranse moi satisfeitas polo resultado dos encontros.
Pero co tempo, a relación parece terse arrefriado. Os principais sindicatos, CC.OO., UGT e CIG, mostraron en varias ocasións a súa preocupación polo atraso que en Pontevedra se sofre no pagamento das indemnizacións do Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) para os traballadores despedidos e conxuntamente decidiran solicitar unha nova entrevista co subdelegado do Goberno. Querían solicitarlle nesa reunión que realizase algunha xestión para acelerar este proceso porque o atraso no pagamento prexudica a numerosos traballadores na provincia.
Non obstante, os sindicatos sufriron unha decepción cando recibían por correo unha carta do subdelegado na que nada se dicía sobre a reunión e só indicaba que "se ha remitido dicho escrito al Secretario General de FOGASA en Madrid y al Jefe de la Unidad Administrativa Periférica del Fondo de Garantía Salarial de Pontevedra a los efectos que proceda".