O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada trasladou este luns unha "mensaxe de tranquilidade" sobre o crime da muller cuxo cadáver apareceu en avanzado estado de descomposición no interior dunha maleta en Vigo.
O caso está a ser investigado polo Xulgado de Instrución número 4 da cidade olívica que, o pasado venres, acordou o ingreso en prisión provisional, comunicada e sen fianza de José Manuel Durán González, alias O Chioleiro, como suposto autor.
Abel Losada dirixiu, este luns, "unha mensaxe de confianza ao conxunto da sociedade" destacando que "estamos a solucionar e estamos a atacar este tema que lexitimamente intranquiliza", dixo.
O subdelegado do Goberno sinalou que este "é un asasinato que, presuntamente, foi cometido por unha persoa que xa estivo condenada por outros dous asasinatos", o primeiro deles foi o da súa avoa, en marzo de 1988. Antes diso O Chioleiro xa fora condenado por violala. O outro crime cometido por este individuo foi o acuchillamiento de Alicia Rey, unha veciña e amiga súa de Paradela de Xende, na Lama, no mes de decembro de 2004.
Ademais, Abel Losada quixo "agradecer o magnífico traballo, neste caso do Corpo Nacional de Policía, na aparente resolución do crime".
O subdelegado estendeu este agradecemento "por suposto, á colaboración cidadá da contorna do barrio" no que se atopou o corpo da vítima. O testemuño destes veciños "dirixiu un pouco nos momentos iniciais, unha investigación atípica, en orixe".
Por agora, este caso non se trata como violencia de xénero, segundo comunicou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).