O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, criticou ao Partido Popular pola "politización da seguridade viaria" e o uso dos accidentes de tráfico como un "arma de confrontación partidista".
Losada presentou este luns a campaña de control de velocidade impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) coa que se reforzará a seguridade viaria de aquí ao próximo domingo, día 21.
O subdelegado subliñou que das 10 persoas falecidas en sinistros de tráfico na provincia no que vai de ano, 6 faleceron en estradas autonómicas, 3 en vías estatais e 1 nunha pista municipal.
"Esas persoas, que están en cargos públicos de responsabilidade, que nestes días se esforzan tanto en tratar de focalizar na rede estatal todos os problemas de seguridade viaria da provincia deberían reflexionar sobre estes datos, xa que un 70% dos accidentes que se produciron no primeiro trimestre do ano aconteceron en estradas de titularidade autonómica, provincial ou municipal", incidiu, antes de facer un "chamamento á sensatez".
O subdelegado resaltou tamén "o compromiso do Goberno de España co mantemento das estradas de titularidade estatal", lembrando que os Orzamentos Xerais do 2023 reservaron 1.400 millóns de euros para conservación.
Insistiu Losada en que o deterioro dos firmes é "froito dos recortes do Goberno de Mariano Rajoy" xa que os pavimentos teñen unha vida útil duns 15 anos, polo que "as fochancas de hoxe son o legado dos recortes do PP no pasado", explicou.
CAMPAÑA
A campaña de control de velocidade presentada este luns incidirá especialmente nas estradas convencionais (as que dispoñen dun só carril en cada sentido) e nas vías urbanas da provincia.
Esta iniciativa forma parte da programación anual da DGT e ten como obxectivo concienciar na necesidade de respectar os límites de velocidade. As estradas interurbanas concentraron o 74% dos accidentes rexistrados na provincia durante o primeiro trimestre de 2024.
Abel Losada explicou que esta campaña busca inculcar ás persoas usuarias das vías a estreita relación entre os excesos co acelerador e os accidentes e lembrou que aproximadamente o 30% dos sinistros mortais gardan relación directa coa falta de respecto aos límites. "Hai que adaptar a velocidade non só á normativa, senón tamén ás circunstancias da vía e ás condicións climatolóxicas, porque unha velocidade adecuada salva vidas", sinalou o subdelegado.
Na presentación desta campala, que se fixo a pé da N-550, Abel Losada estivo acompañado da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero, e do capitán do Subsector da Garda Civil, Antonio Pérez Piteira.
Os controis, que velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos, reforzaranse naqueles tramos máis perigosos das estradas convencionais.
No que vai de ano se levan rexistrados 1.435 accidentes e 10 vítimas mortais, o que supón un importante reponte, superior ao 10% no caso dos sinistros e do 30% no caso dos falecementos. "Está sendo un comezo de ano preocupante", afirmou Losada.