O sol ilumina a Batalla de Flores polo centro da cidade

Pontevedra
19 de agosto 2016

Nove carrozas participaron na edición deste ano, que recuperou un antigo percorrido por Loureiro Crespo, Benito Corbal e Cobián Roffignac coa presenza de numeroso público

Batalla de Flores 2016
Batalla de Flores 2016 / Cristina Saiz

Centos de persoas seguiron durante a tarde deste venres 19 de agosto o percorrido da tradicional Batalla de Flores das Festas da Peregrina.

A pesar de que o día amencera con choivas, o ceo quedou despexado durante a tarde e o desfile realizouse con total normalidade. Nesta ocasión, as nove carrozas participantes retomaban un traxecto que se probou hai moitos anos. Partiron ás 19.00 horas da rúa Loureiro Crespo para avanzar por Benito Corbal, continuar pola rúa Cobián Roffignac e finalizar na contorna do río Lérez.

A concelleira Carme da Silva sinalou que este novo percorrido débese ás obras que se acometen nas vías de acceso a Eduardo Pondal, por onde transcorreu a batalla floral durante os últimos anos. A responsable das festas indicou que para próximas edicións non se descarta que se repita o traxecto deste ano atendendo ao número de persoas que o seguiron.

Unha vez máis o colorido e a diversión marcaron este evento tradicional das festas onde non faltaron os dragóns de globos e un gran Pikachu.

Arquivado en