O socialista Xoel Souto aspira a ser alcalde de Moraña como o seu avó Xosé Eiras

Umia
14 de novembro 2022

O Centro Cultural de Moraña acolleu esta fin de semana a presentación de Xoel Souto Eiras como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Moraña

Presentación de Xoel Souto Eiras como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Moraña
Presentación de Xoel Souto Eiras como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Moraña / PSdeG-PSOE

O Centro Cultural de Moraña acolleu esta fin de semana a presentación de Xoel Souto Eiras como candidato do PSdeG-PSOE á Alcaldía de Moraña. 

O acto contou coa asistencia da presidenta do PSdeG e da Deputación, Carmela Silva; o secretario xeral provincial e delegado da Zona Franca, David Regades, e do alcalde de Vilagarcía e presidente da FEGAMP, Alberto Varela, acompañando a numerosos veciños.

Xoel Souto afirmou que non pensa pedir perdón por ser mozo, "teño unha idade na que hai só algunhas décadas a xente xa tiña un proxecto de vida desenvolvido, cousa que hoxe é case imposible polas dificultades para emanciparse". 

Afirmou que a súa vocación é traballar por Moraña "para facer do noso concello un lugar agradable para vivir e con posibilidades vitais para a mocidade". O rural, anunciou, debe ser a principal preocupación do novo goberno local que xurda das urnas o próximo mes de maio dotando os núcleos de boas comunicacións, saneamento "e tódolos servizos dos que carecen". Souto Eiras quere reverter a perda de poboación que é moi visible nas parroquias. Para elo, engadiu, "hai que crear tamén as condicións para reforzar o tecido empresarial, velar pola conservación do patrimonio cultural e impulsar unha programación municipal de actividades". 

Xoel Souto rematou a súa intervención reivindicando a figura do seu avó, o mestre, o ex-alcalde Xosé Eiras do que "aspiro a seguir o seu exemplo".

Xoel Souto naceu en Moraña hai 27 anos, está graduado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e conta co máster de Profesorado. Dedícase profesionalmente á actividade deportiva como adestrador. Estivo moi vinculado aos movementos estudantís.