O portavoz do PSdeG-PSOE no concello de Pontevedra, Tino Fernández, ante a proposición non de lei presentada polo grupo parlamentario de Podemos no Congreso dos Deputados acerca da permanencia de ENCE na ría de Pontevedra, acusa á Marea de "xogar coa ambigüidade e favorecer indirectamente a continuidade da empresa na súa ubicación actual".
"Os representantes de Marea teñen que decidir que queren ser de maiores" ironizou Tino Fernández.
Entende o voceiro socialista pontevedrés que a proposición presentada é "farragosa e apresurada" sobre o tema da permanencia de ENCE na ría, mentras que por outro lado, "favorecen a permanencia do PP no goberno en funcións ao impedir que haxa un goberno reformista e progresista encabezado por un socialista".
"Non se pode dar misa e repicar a campá. A única opción para revogar a concesión é desaloxar do poder a aqueles que aproveitaron o tempo de desconto para favorecer os intereses dunha empresa", afirmou Fernández.
Aos socialistas resúltalles "paradóxico" que se presenten proposicións "para a galería mediática" ao mesmo tempo que "se rexeita chegar a acordos para cambiar o goberno". Por este motivo pregunta Tino Fernández "como pretende Marea levar adiante a súa proposta?"