Os socialistas de Pontevedra contarán coa presencia do ex ministro de Educación, Ángel Gabilondo, nunha comida-mitin, este sábado, no hotel Galicia Palace.
O aforo está limitado a 220 persoas e hai que reservar na sede local do partido.
Xunto a Ángel Gabilondo ocupará a tribuna de oradores o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero. O acto contará coa asistencia tamén da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do secretario xeral dos socialistas pontevedreses, David Regades.
As últimas enquisas, que lles outorgan unha posibilidade de alcanzar o cuarto deputado pola provincia de Pontevedra (os socialistas xa teñen agora 3 dos 7 deputados que se reparten) e de ampliar así a distancia sobre o Partido Popular, animan esta recta final da precampaña e o comezo dunha campaña que, pola súa duración de só unha semana, obriga a concentrar esforzos.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este martes Caldas en compañía do alcalde, Juan Manuel Rey, e do rexedor de Cuntis, Manuel Campos.
Dende alí abordou a enquisa do CIS, que reflicte que "a maioría dos galegos queren que Pedro Sánchez siga sendo presidente do goberno" porque "a Galicia vaille ben cun goberno socialista".