O Sindicato Unificado de Policía convocou unha concentración para o vindeiro martes ás 12.30 horas, para reclamar "unha Comisaría do século XXI".
Este acto de protesta terá lugar diante da Comisaría provincial, sita na rúa Joaquín Costa. Unhas dependencias que, aseguran, están "totalmente obsoletas" e precisan a construción de "un novo edificio adaptado ás necesidades da cidadanía e do persoal policial".
Esta organización sindical da Policía Nacional mobilízase ante a recente publicación por parte do Ministerio do Interior dun mapa interactivo co que se poden consultar todas as comisarías de Policía Nacional, cuarteis e postos da Garda Civil e outras infraestruturas de seguridade que se están construíndo ou reformando por toda España grazas ao Plan de Infraestruturas para a Seguridade do Estado. Nese mapa non se inclúen a Comisarías de Policía Nacional de Pontevedra.
O SUP lembra que nas dependencias de Pontevedra, nos últimos anos, investiuse en "parchear as deficiencias actuais o que non corrixiu os problemas que os Policías veñen apreciando".
Desde o SUP vén reivindicando unha nova Comisaría desde hai varios anos e "a resposta é sempre a mesma que se está traballando na cesión de terreos acordes á necesidade da Policía Nacional pero o certo é que non se albisca un solución a curto e medio prazo, entre outros motivos pola interinidade dos responsables policiais á fronte dos distintos persoais e pola falta de miras das Institucións afectadas".
Por este motivo e "ante a pasividade da Dirección Xeral da Policía e dos seus responsables", o SUP convocou esta concentración baixo o lema "Por unha Comisaría do século XXI".