O servizo municipal de Emerxencias terá un 50% máis de orzamento en 2024

Sanxenxo
23 de xaneiro 2024

Ata os 320.000 euros aumentará o custo do servizo municipal de Sanxenxo. Así consta no convenio de colaboración que o Concello asinará nos próximos días coa Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación de Pontevedra

Servizos de emerxencias no Hotel Nuevo Vichona
Servizos de emerxencias no Hotel Nuevo Vichona / Emerxencias Sanxenxo

Ata os 320.000 euros aumentará o custo do servizo municipal de Sanxenxo. Así consta no convenio de colaboración que o Concello asinará nos próximos días coa Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación de Pontevedra.

Este acordo en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais busca potenciar o funcionamento do servizo en 2024, que experimentará un incremento de máis do 50% no seu financiamento.

O convenio recolle que a Dirección Xeral de Emerxencias da Xunta achegará 126.050 euros, mentres que a Dirección Xeral de Administración Local pagará outros 15.750 euros e a Consellería do Medio Rural, 26.200 euros.

O resto do financiamento poñerana a Deputación de Pontevedra, con 128.000 euros; e o Concello, cos 24.000 euros restantes.

Dentro do ámbito de cobertura asignado ao servizo municipal de Sanxenxo mantéñense os concellos do Grove, Meaño, Poio e Sanxenxo como zonas de actuación durante este ano. 

Este servizo conta con tres vehículos contra incendios, un deles de características especiais para a loita en terreos forestais, equipos de protección adecuados, equipos de extinción e medios para rescate tanto en altura, auga e excarceración en accidentes de tráfico. 

Ademais, conta con persoal cualificado para prestar servizo as 24 horas ao día durante os 365 días do ano

Durante o pasado ano, o servizo de Emerxencias de Sanxenxo realizou 767 intervencións, entre as que cabe destacar un 15,5% do total de asistencias realizadas fóra do termo municipal. 

Deste xeito, do total de sucesos atendidos, 648 foron dentro do propio municipio, onde se atopa a súa base, mentres que 51 tiveron lugar no municipio veciño de Poio, 38 en Meaño e 16 no Grove.

Os efectivos tamén prestaron servizo en Barro, cunha intervención; outra intervención en Cambados, unha tamén en Catoira, tres en Marín, tres en Meis, unha en Ribadumia, unha en Portas e outra en Vilagarcía.