O Punto Limpo Móbil do Concello de Poio xestionou durante 2023 preto de 1.000 depósitos, é dicir, unha media de 83 usuarios depositaron ao mes os residuos neste servizo gratuíto de carácter itinerante polas diferentes parroquias e que garante un tratamento adecuado mediante a posterior entrega a un xestor autorizado.
Por meses, detectouse un maior incremento de depósitos desde o mes de xuño a decembro, si ben durante os primeiros cinco meses do ano a media de usuarios mensuais era de 67 persoas, desde xuño esa cifra incrementouse ata os 85 usuarios mensuais. Así, os meses nos que se rexistrou unha maior actividade no Punto Limpo Móbil foron xuño, xullo, agosto e setembro, nos que se xestionaron entre 95 e 99 recollidas ao mes, e no extremo oposto sitúanse xaneiro e maio, con 51 e 56 depósitos respectivamente. O emprazamento no que se rexistrou unha maior actividade de xeito periódico foi no aparcadoiro situado no lugar de Chancelas.
Entre os vertidos que poden depositar os veciños inclúense mobles e madeiras, chatarra, electrodomésticos e aparellos eléctricos, cartón, papel, vidro e plásticos que non sexan envases, lámpadas e fluorescentes, roupa e calzado, pilas, baterías ou cartuchos de impresoras.
O Concello de Poio recorda que o horario de atención ao público do Punto Limpo Móbil é de 10.00 a 14.00 horas. Na páxina web do Concello pódese consultar o calendario do servizo, así como as súas vantaxes e tipos de lixo que se trata.
RETIRADA DE VOLUMINOSOS
Con respecto á recollida a demanda de voluminosos, durante o ano 2023 deuse resposta a 1.261 avisos, de xeito que se atenderon unha media de 26 notificacións cada xoves durante o ano 2023, ademais dos restos abandonados na vía pública sen previo aviso e que foron recollidos para eliminar os puntos de vertido. De feito, nos últimos meses do ano desde a Concellería de Medio Ambiente intensificouse a información e a vixianza para evitar a presencia de puntos de vertidos incontrolados na rúa. O mes con maior número de avisos foi novembro, con 128, seguido de xuño (121), marzo (119) e agosto (114).
Os residuos máis habituais á hora de preceder á súa retirada son colchóns, mobles, electrodomésticos de diferentes tamaños, roupa ou chatarra, entre outros. Cómpre recordar que a recollida a domicilio pode solicitarse de luns a venres, en horario de 9.00 a 13.00 horas, chamando ao número de teléfono 986 771 185.
Entre os datos do punto limpo móbil e as recollidas de voluminosos, xestionáronse en 2023 un total de 130 toneladas de residuos aproximadamente.
BIOTRITURADORA
Con respecto ao tratamento de restos vexetais e das podas, desde o Concello de Poio recordan que os veciños dispoñen dun servizo gratuíto de préstamo de biotrituradoras para utilizar a nivel particular e, deste xeito, evitar queimas. O triturado serve como estruturante no composteiro e para acolchar hortas, zonas de xardíns e bases de árbores. As persoas interesadas no préstamo domiciliario poden informarse no teléfono da mestra composteira (604 025 288).