Un ano máis, o servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra destaca na súa atención á psoriase. Tanto que, de novo, recibiu o premio Best in Class 2019, que o acredita como o mellor de España no tratamento desta enfermidade cutánea.
Estes galardóns, que anualmente convoca a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rey Juan Carlos, foron entregados este martes no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.
Recoñecen publicamente os mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de toda España, tanto públicos como privados, destacando a excelencia na atención ao paciente e o bo facer dos profesionais.
O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra foi un dos centros sanitarios de España que acadou maior número de candidaturas finalistas, con sete servizos e catorce procesos asistenciais nomeados.
Ademais do galardón, o CHUP foi finalista co servizo de Farmacia Hospitalaria polo seu sistema de preparación de medicación BD CATO; ou de Medicina Interna coma servizo, pola súa sección de procesos infecciosos, pola atención do VIH-Sida e polo seu programa de formación dos médicos internos residentes.
Psiquiatría optaba ao premio como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia; Dixestivo, pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva, así como Hematoloxía, Microbioloxía, Atención Primaria e o propio complexo hospitalario por ser un dos mellores centros sanitarios en xestionar as demoras asistenciais, a seguridade clínica, as relacións con asociacións de pacientes ou a súa aposta e os recoñecementos GETECCU de calidade.