O servizo de Dermatoloxía da Casa do Mar de Mollavao incorpora un bisturí de altas prestacións

Pontevedra
14 de decembro 2022

Este Láser de CO2, superpulsado e dixital, excitado por radiofrecuencia, permite realizar coa máxima precisión e mínimos efectos adversos cortes e vaporizacións de tecido con coagulación, ademais de tratamentos fraccionados de múltiples patoloxías

O servizo de Dermatoloxía na Casa do mar de Mollabao incorpora un bisturí de altas prestacións
O servizo de Dermatoloxía na Casa do mar de Mollabao incorpora un bisturí de altas prestacións / Sergas

O servizo de Dermatoloxía na Casa do Mar de ven de incorporar un bisturí de altas prestacións.

Suporá para os pacientes unha minimización dos riscos e dos efectos secundarios postcirúrxicos, menores tempos de recuperación, cuns excelentes resultados estéticos e funcionais, evitando a derivación a outros centros que dispoñen da técnica, o cal é relevante xa que en moitas ocasións os tratamentos realízanse en días sucesivos.

Trátase dunha plataforma láser CO2 cirúrxica, no que a Administración Sanitaria Pública galega investiu 68.970 euros.

Este láser de CO2, superpulsado e dixital, excitado por radiofrecuencia, permite realizar coa máxima precisión e mínimos efectos adversos cortes e vaporizacións de tecido con coagulación, ademais de tratamentos fraccionados de múltiples patoloxías. Esta tecnoloxía substitúe parcialmente á electrocirurxía convencional con bisturí eléctrico.

Trátase dun equipo versátil, lixeiro e de cómodas dimensións, o que lle reporta capacidade para utilizarse en calquera espazo cirúrxico. 

Segundo sinala a xefe de servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, a doutora Ángeles Flórez Menéndez, "o láser dermatolóxico é desde hai anos unha arma moi efectiva fronte a múltiples enfermidades cutáneas. Sen dúbida, destaca na cirurxía dermatolóxica para tratamento de pre-cancros e cancros cutáneos. Trátase dunha fonte de luz onde a enerxía radiante proxéctase en forma de fotóns e ondas capaces de producir efectos biolóxicos especiais".

O bisturí de altas prestacións é unha ferramenta con gran potencial cirúrxico, que permite realizar biopsias tanxenciais, acurtando e simplificando os tempos cirúrxicos. Entre outras moitas aplicacións, o novo bisturí láser permite extirpacións provocando unha reacción mínima no tecido circundante, o que diminúe a morbilidade da intervención e simplifica o postoperatorio.